A Pobra do Brollón, 13 de decembro de 2023. O voceiro do PP na Pobra do Brollón, Teddy López, acusa ao alcalde do municipio e ao presidente da Deputación de dar a todos os veciños unha nova licitación da residencia da vila “como regalo anticipado de Nadal.
Teddy López critica tanto a xestión do goberno provincial como a do goberno local da Pobra do Brollón: “é un despropósito que teñamos que concorrer a unha quinta licitación logo de que o goberno de José Tomé veña de aprobar o inicio do procedemento para a resolución do contrato correspondente á cuarta licitación das obras de construción do centro”.
O voceiro do PP na Pobra do Brollón realiza estas declaracións tras coñecer que haberá que realizar unha quinta licitación tras ver como se resolverá o contrato (adxudicado en setembro tras saír a licitación por cuarta vez en abril deste ano). “Este novo fracaso é o regalo de Nadal de Tomé e do alcalde para todos os veciños tras cansarse de prometer a tan demandada residencia para o municipio”, sinalou.
ANUNCIOS ELECTORALISTAS
Teddy López acusa a Tomé e ao alcalde da Pobra do Brollón de empregar a residencia con fins electoralistas, “sen importarlles o máis mínimo se temos residencia ou non”.
A realidade é que dende o goberno da Deputación sacaron a licitación (por cuarta vez) a residencia unhas semanas antes das municipais de maio, unha obra prometida tamén pouco antes das municipais do ano 2019. “Unha promesa rota tras outras”, lamentou.
Tras coñecerse o inicio da resolución do contrato, Teddy López pregunta aos concelleiros que forman parte do equipo de goberno “que van a facer agora” xa que moitos aseguraron no seu momento “que se unían ao equipo do alcalde xa que confiaban na súa palabra de ter a residencia da Pobra do Brollón”. “Agora van a dimitir ou, cando menos, deixarán de formar parte do equipo de goberno?, pregunta.
Ante esta situación, Teddy López anuncia que comezará unha rolda de contactos cos veciños da Pobra do Brollón para coñecer a súa postura ante “esta nova promesa incumprida” por parte do alcalde e do presidente da Deputación. “Non descartamos ningunha posibilidade agora mesmo. Para o que nos precisen os veciños aí estaremos ao seu carón”, asegurou.
CAMIÑO DA QUINTA LICITACIÓN
O convenio para a residencia da Pobra do Brollón foi asinado en xuño do 2018 e sacado a licitación en febreiro do 2019. Contemplaba un investimento de 1,4M€.
O primeiro contrato foi resolto e coa segunda licitación o goberno da Deputación tardou case un ano en formalizar o contrato para logo ser suspendido e, posteriormente, tamén resolto. Na terceira licitación para a construción deste centro quedaba deserto o concurso, mentres que a resolución da cuarta licitación vén de iniciarse (foi aprobada en abril deste ano e adxudicada en setembro por 2,2M€).
Teddy López non confía en que en 2024 prospere a quinta licitación tras coñecer como nos orzamentos da Deputación para 2024, PSOE e BNG reduciron en máis de 60.000€ o investimento e en máis de 50.000€ o gasto corrente relacionado cos centros de maiores. “Está claro que non prevén construír máis residencias”, sentenciou.