Partido Popular de Lugo

O PP de Becerreá amosa o seu total apoio á plataforma pro residencia ao ser un servizo fundamental para a comarca

Becerreá, 12 de decembro de 2023. O PP de Becerreá mantivo onte unha xuntanza con integrantes da plataforma pro residencia de Becerreá para escoitar de primeira man as reivindicacións e peticións dos seus membros “as cales consideramos xustas e necesarias” sen esquecer que as compartimos non so como políticos se non tamén como veciños da comarca.

O voceiro popular de Becerreá, José Fernández Carrete, destacou a necesidade que hai en Becerreá e na comarca de que a Deputación Provincial de Lugo “estableza compromisos firmes, con prazos concretos, para a apertura da residencia comarcal que hai no municipio. “Non queremos confrontar nin entrar en liortas estériles, o único que reivindicamos, ao igual que toda a sociedade, é a apertura da residencia”, destacou.

Neste senso, Fernández Carrete salientou a necesidade de que o goberno provincial confirme o seu compromiso con partidas orzamentarias concretas para garantir o equipamento da cociña e o equipamento da residencia, ademais de realizar todos os trámites precisos que rematen na apertura da residencia.

Dende o PP de Becerreá queren poñer en valor o paso á fronte que deu toda a sociedade de Becerreá e da comarca reivindicando a posta en marcha deste servizo “fundamental” para todos os concellos da zona. “Consideramos que se trata dunha reivindicación xusta e conta co noso apoio ao 100%”, finalizou.