Partido Popular de Lugo

O deputado lucense, Francisco Conde, elixido presidente da Comisión Mixta para a Unión Europea

Madrid, 12 de decembro de 2023. O deputado no Congreso por Lugo, Francisco Conde, vén de ser elixido esta mañá presidente da Comisión Mixta para a Unión Europea. Trátase do órgano, no que están representadas as dúas Cámaras parlamentarias, e que é o encargado de facer seguimento da actividade lexislativa e outras actuacións da UE, como poden ser os fondos Next Generation.

Deste xeito, o monfortino, que en días pasados foi nomeado voceiro de Industria na Cámara Baixa, asume a nova responsabilidade “co compromiso e o rigor que esixe”, pois, di, “o desenvolvemento deste fondos e o seu reparto ás Comunidades, son cruciais para o desenvolvemento dos territorios dende o punto de vista da recuperación económica e a sostibilidade”.

Tal é así que, segundo avanza, a primeira comparecencia en dita Comisión versará sobre este asunto. Ademais de por Conde como presidente, dito órgano está integrado por outros 38 membros dos respectivos grupos políticos con representación no Congreso e do Senado, tal e como figura no documento que se adxunta.

A PROVINCIA E ALTRI, PROTAGONISTAS NO PRIMEIRO PLENO COMO VOCEIRO DE INDUSTRIA

O lucense, que agradece a confianza depositada na súa persoa para presidir este órgano e, dun xeito especial, o apoio da dirección nacional, representada en Alberto Núñez Feijóo, e no voceiro en dita Cámara, Miguel Tellado; estrearase mañá no Pleno do Congreso cunha pregunta ao novo ministro de Industria, Jordi Hereu, a través da que demandará ao Goberno que concrete se está disposto a manter os compromisos asumidos polo seu predecesor no cargo para garantir que a empresa Altri se asente en Palas de Rei.

Concretamente, Francisco Conde interesarase pola viabilidade deste proxecto que está centrado na sostibilidade e o fomento da economía circular, e que permitirá producir en España o 3% da produción mundial de fibras sostibles e suporá un investimento de máis de 900 millóns de euros e a creación de 2.500 empregos.

“O Goberno de Alfonso Rueda fixo os deberes, declarando esta iniciativa como proxecto industrial estratéxico e a empresa tamén, pois xa está rematado o proxecto e o estudo de impacto ambiental, prevendo que, no primeiro semestre de 2024, a planta xa dispoña de autorización administrativa para comezar a construción no municipio lucense. O Goberno é coñecedor desde o primeiro momento da importancia deste proxecto e a prioridade que desde Galicia se lle deu”. Por iso, engade, “agardamos que a resposta do ministro arroxe luz, dado que xa pasaron máis de dous anos dende que se remitiu o proxecto ao Executivo e os galegos seguimos sen ningún tipo de avances”.

Neste senso, lembra que foi o anterior responsable ministerial o que se comprometeu a poñer todos os instrumentos para sacar adiante os grandes proxectos tractores para a Comunidade, sabendo que isto pasa por, primeiro, a posibilidade de obter axuda no marco dos fondos de recuperación e, segundo, a solución da interconexión eléctrica; ambas competencia do Goberno do Estado.