Partido Popular de Lugo

Ameijide: “A cuarta paralización da construción da residencia de Pobra do Brollón é o enésimo fracaso da Deputación de Lugo”

Martes, 12 de decembro de 2023. “A xestión do goberno provincial en relación á construción da rede de residencias da Deputación de Lugo é un despropósito, por moito que traten de presumir”, segundo asegura o voceiro do Grupo Provincial do PP, Antonio Ameijide, tras coñecer o inicio do procedemento para o que será unha nova resolución do contrato para a construción do centro residencial de atención a persoas maiores na Pobra do Brollón, adxudicado en setembro tras saír a licitación por cuarta vez en abril deste mesmo ano. “A cuarta paralización da construción da residencia de Pobra do Brollón é o enésimo fracaso da Deputación de Lugo”, subliña.

“É chamativo que o contrato se resolva apenas mes e medio despois de ser formalizado, o 17 de outubro, trala súa adxudicación na xunta de goberno do 29 de setembro. Pero máis chamativo é aínda que sexa o cuarto intento frustrado do goberno provincial por contratar as obras de construción desta residencia. Xa é esperpéntico. E non pode ser casualidade. Evidencia unha total falta de seriedade e, sobre todo, unha total falta de respecto aos veciños e veciñas da Pobra do Brollón en particular e da provincia de Lugo en xeral”.

Así o entende o popular que considera “electoralista” que a Deputación de Lugo sacara a licitación unhas semanas antes das municipais de maio esta obra, prometida tamén pouco antes das municipais do 2019. “Agora comprobamos que este era un anuncio baleiro”, subliña Ameijide. “Pero non nos debe estrañar porque tanto este centro coma outros da provincia levan moitos anos de atraso. E iso, no mellor dos casos”, puntualiza.

O popular explica que, no caso da residencia da Pobra do Brollón, o convenio foi asinado en xuño do 2018 e sacado a licitación en febreiro do 2019 contemplaba un investimento de 1,4 M€. O primeiro contrato foi resolto e coa segunda licitación o goberno da Deputación tardou case un ano en formalizar o contrato para logo ser suspendido e, posteriormente, tamén resolto. Na terceira licitación para a construción deste centro quedaba deserto o concurso. O Grupo Provincial Popular xa advertira previamente que “era preciso contemplar a revisión de prezos, atendendo á suba dos custes da luz, do combustible ou dos materiais da construción”. A cuarta licitación foi aprobada en abril deste ano e adxudicada en setembro por 2,2M€.

“Todos estes atrasos supuxeron que o custo desta infraestrutura se incrementara en 800.000 euros”, condena Ameijide. Nese sentido, afirma que “o atraso non só nos custa máis aos lucenses, senón que, o que é peor, supón que os veciños da Pobra do Brollón continúen sen o servizo que levan anos agardando”.

O voceiro popular engade que “este non é o único exemplo de abandono por parte do goberno provincial ás residencias comprometidas por gobernos da súa mesma cor política. A residencia de Becerreá, rematada fai dous anos, está á espera de conectar o centro de transformación; pero sen data prevista para a súa apertura. “Outros centros comprometidos son os da Pontenova, Guitiriz, Pantón, Ourol, Portomarín, Cervantes ou Folgoso do Courel; algúns deles con moitos anos de atraso”.

REDUCIÓN NO ORZAMENTO PARA 2024

Ameijide lembra tamén que “á vista de que os orzamentos da Deputación de Lugo para 2024 aprobados por PSOE e BNG reducen en máis de 60.000 euros o investimento e en máis de 50.000 o gasto corrente relacionado cos centros de maiores, o bigoberno non prevé avanzar na construción nin na posta en marcha de novas residencias”.