Partido Popular de Lugo

Ameijide condena que o goberno provincial tardase 6 meses en resolver as axudas a asociacións para actividades culturais

Luns, 11 de decembro de 2023. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, condena “a tardanza de 6 meses por parte do goberno provincial en resolver as subvencións a entidades asociativas para a realización de actividades culturais neste 2023”. Isto para os populares evidencia “a mala xestión do BNG á fronte desta área”.

O voceiro explica que “as axudas a entidades culturais para o desenvolvemento de actividades convocadas en abril non se resolveron ata o 20 novembro, cando o prazo de execución remata o 31 de decembro”. Isto supón que aquelas que agarden pola concesión da axuda non disporán practicamente de tempo para organizar, celebrar e pagar para xustificar -antes do 31 de marzo do 2024- as actividades. E, no caso das restantes, “terían que arriscar e adiantar ao longo do ano os fondos sen saber se dispoñen da axuda coa que contribuír a financiar as súas actividades”.

En calquera caso, “esta falta de dilixencia é un prexuízo para o tecido asociativo e cultural da provincia”, ademais dunha demostración de “falta de seriedade”. Para o popular as administracións deben apoiar o desenvolvemento das actividades das asociacións, pero “a falta de axilidade da área de Cultura provoca que teñan que traballar sen previsión”.

Ameijide lembra que, “segundo a resolución da convocatoria do 2022, foron 77 as entidades asociativas ás que se lles desestimou a axuda por actividades culturais ás que hai que engadir unha que desistiu e outras 15 que perderon o dereito a cobro”. Á vista destes datos que “demostran que moitas entidades quedan fóra das axudas, é evidente que non se están facendo as cousas ben” e agarda que este ano “non sexan aínda máis as entidades que queden sen axudas”.