Burela, 7 de decembro de 2023. O Grupo Municipal Popular condena novamente no eido cultural “a falta de xestión” do goberno bipartito de Burela porque “é a terceira vez que se cancela na nosa vila un espectáculo musical de sobrado prestixio que non tivo problemas para presentarse noutros lugares”. Os populares fan referencia ao musical ‘La Bella y la Bestia’ que estaba previsto para este domingo 10 de decembro e que queda aprazado para o 25 de febreiro.
Dende o PP local consideran que “a alcaldesa e o goberno local non poden culpar sistematicamente aos demais dos seus erros” como pretenden facer alegando que “a participación do Concello se reduce ao alugueiro da Casa da Cultura ás empresas de espectáculos”.
De feito, sinalan que “algo falla e non son precisamente as empresas que acoden a Burela a presentar espectáculos exitosos. O que falla é a xestión que vimos denunciando dende o principio do mandato”, remarcan. É que “nos mandatos anteriores téñense celebrado este tipo de espectáculos sen ningún problema”.
Os populares consideran que “a xestión non son fotos e posados. A xestión é traballar para o pobo e para os veciños e veciñas de Burela. O que non é traballar para eles son as actitudes ditatoriais e soberbias que derivan nunha falta de humildade a hora de recoñecer as culpas pola ausencia de xestión dos diferentes ámbitos”.
“Dende o PP lamentamos, por desgraza, ter razón unha vez máis. Gustaríanos equivocarnos un pouco máis porque iso suporía que o goberno bipartito acertaría algo”. Ata o de agora, “as consecuencias da mala xestión do bipartito páganas os veciños e veciñas de Burela”.