Foz, 7 de decembro de 2023. O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, lamenta o “pésimo mantemento do Cenima” por parte do goberno local que preside o señor Cajoto. Trátase das instalacións do Centro de Interpretación da Mariña lucense e onde se atopa tamén a oficina de turismo do Concello de Foz e salas de exposicións que son unha referencia para A Mariña.
“É precisamente na sala de exposicións onde o mal mantemento ten uns efectos pésimos como é o levantado da tarima porque hai humidades na parte superior”, sinala o portavoz popular. Castiñeira explica que “hai máis de dous anos que xa o denunciaramos dende o Partido Popular. De feito, o Grupo Municipal Popular levouno a pleno no anterior mandato e o alcalde dixo que o ía arranxar, pero non hai máis que ver a fachada chea de verdín para comprobar que non se fixo nada”.
Castiñeira advirte que “as humidades están pasando ao interior. Concretamente, ás salas de exposicións onde puidemos apreciar que a solución do alcalde é poñer uns caldeiros para que caia a auga neles”. Pero, “os caldeiros tampouco foron a solución e agora está o parqué levantado”.
Os populares cren que “está moi ben poñerlle luces de Nadal, pero hai que deixar algún cartiño tamén para o mantemento do edificio”. Así, subliñan que “agora que vai subir a recadación municipal ao aprobar o goberno local unha subida de taxas, deberían preocuparse por manter as instalacións municipais que é obriga do Concello”.
“Está moi ben facer cousas novas, pero hai que manter as que xa están feitas”, conclúe Castiñeira.