Xoves, 7 de decembro de 2023. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, condena que “o mal estado das vías que son titularidade da Deputación de Lugo dificulte a mobilidade dos veciños e veciñas da provincia”. Así o comprobou durante unha visita ao municipio de Pantón onde engadiu que “a falta de mantemento da estrada LU-P-4107 (que une Segade e Marce) é un claro exemplo da falta de compromiso do goberno provincial co desenvolvemento turístico da Ribeira Sacra”.
O popular explica que “esta vía comunica co lugar da fervenza de Augacaída, un dos puntos turísticos máis visitados da provincia; pero o seu estado non convida a circular por ela”. Isto supón “por un lado, que os veciños non dispoñan dunha vía en boas condicións e, por outro, posibles prexuízos aos negocios da zona polas dificultades que atopan os turistas para acceder á zona”.
Os populares engaden, ademais, que “á vista de que o acceso á fervenza é bastante estreito e acumula bastante tráfico en temporada alta, sería positivo acondicionar unha zona de aparcamento para dar servizo a este espazo”.
Ameijide lembra tamén que “o goberno provincial de PSOE e BNG vén de aprobar os orzamentos da Deputación para o 2024 no que conxelan o investimento para información e promoción turística”. Isto supón “outro prexuízo máis” para a zona tendo en conta que “o sector turístico é un dos que xera maior riqueza no municipio de Pantón e na zona da Ribeira Sacra en xeral”.
MAL ESTADO DAS INFRAESTRUTURAS ESTATAIS
Durante a visita ao municipio, os populares tamén subliñaron “o castigo do Goberno de Pedro Sánchez á zona sur da provincia á vista do mal estado da N-120 ao seu paso por Pantón”.