Láncara, 5 de decembro de 2023. O Grupo Municipal Popular bota en falta nos orzamentos para o 2024 “medidas para o progreso de Láncara”. A voceira, Olga Capón, considera que “son uns orzamentos continuístas”. De feito, “non recollen nada para solo industrial e, polo tanto, o goberno local non prevé a creación de empresas e postos de traballo. Nin contemplan a dinamización cultural e turística nin nada para impulsar o emprendemento, o comercio e o medio rural. E tampouco a rehabilitación de espazos e, moito menos, teñen en conta á mocidade”. Ademais, os populares consideran “escasa” a partida para deporte e as subvencións ás agrupacións do municipio.
Os populares tamén botan en falta un plan de aforro enerxético que favoreza o aforro na factura da luz. Concretamente, cren que “a colocación de farolas e puntos de luz deberían seguir unha planificación atendendo a criterios técnicos que permitisen sacar o maior rendemento lumínico co menor gasto posible”.
Os populares consideran que “as obras previstas son xustas e necesarias”, pero inciden en que esa necesidade se debe á mala organización do equipo de goberno municipal. “En oito anos deberían estar xa coa segunda volta ás vías municipais do concello; pero aínda quedan algunhas estradas -coma as da zona da montaña que os veciños levan anos reclamando e xa deberían estar arranxadas- fóra dos plans do goberno local que non contempla nas contas do 2024 orzamento para a súa mellora”.
Os concelleiros do PP aseguran que “vixiaremos que se leven a cabo as inversións previstas e que o goberno local xestione aquelo para o que non dispuxo dotación económica”. Nese sentido, agardan que “non se perda un novo obradoiro nin brigadas forestais para a loita contra incendios coma esta ano no que non se rozou, nin se limparon os tubos, os regos nin as cunetas. É máis, “asfaltouse sen ter en conta as cunetas, o que indica unha falta de planificación e pouco interese por facer as cousas ben”.
SUBA DE TAXAS POLA MALA XESTIÓN DO ALCALDE
Capón lamenta que “a mala xestión do alcalde repercuta nunha importante subida dos recibos da auga e do lixo que teñen que pagar os veciños”. O Concello xa estaba en xullo en déficit orzamentario porque “o goberno local gastou máis do que tiña previsto para este ano”. É dicir, “o orzamento non contemplaba certas actuacións, como obras aprazables que ao longo deste ano electoral si se apresurou a facer”, explica a popular. “Se previamente tivese xa intención de facelas, estarían incluídas no orzamento do 2023”, precisa.
Segundo un informe de intervención, o Concello pecha esta ano cunha necesidade de financiamento de máis de 900.000 euros. “Como é preciso recadar, agora o goberno socialista sube as taxas e impostos aos veciños”, engade.
A taxa da auga non foi actualizada dende o 2016 e durante este tempo “o goberno local tampouco estivo mellorando o servizo que é competencia do Concello”. Polo tanto, “agora precisa recadar para cubrir os gastos das actuacións necesarias”, explica a portavoz que condena que “se estivese actualizada antes, agora non terían que soportar os veciños na costa de xaneiro a subida no recibo da auga”. Isto demostra que “dende o 2016 non se preocuparon deste asunto, nin sequera de manter a rede de abastecemento que xa estaba feita”.
A taxa do lixo tamén será incrementada. “Ante a falta dun plan de reciclaxe, o Concello ten que pagar penalización pola presenza de materiais impropios en cada contedor”, apunta a popular. “Non hai contedores para poder separar e reciclar. O servizo é deficiente. Veremos se a subida de taxas é para ofrecer un servizo de calidade como dixo o alcalde ou só servirá para pagar as penalizacións por non cumprir coa normativa en materia de recollida de residuos”.