Partido Popular de Lugo

Ameijide: “O mal estado de vías da Deputación en Láncara demostra que Pablo Rivera non debe percorrer o concello onde é tenente de alcalde”

Domingo, 3 de decembro de 2023. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, cre que “o deputado Pablo Rivera debe levar moito tempo sen percorrer as estradas ao seu paso polo concello de Láncara onde é tenente de alcalde, á vista do estado case intransitable dalgunhas delas e, especialmente, da zona da montaña onde, ademais, son habituais os problemas cando neva”.

Durante unha visita ao municipio acompañado pola viceportavoz e portavoz do PP en Sarria e os concelleiros do Grupo Municipal Popular, puideron comprobar “o mal estado da vía provincial LU-P-2702 que comunica A Reboleira, Santalla de Lagos e Busto e presenta importantes baches e socavóns froito do seu abandono por parte do goberno provincial”. A situación é similar no caso da estrada LU-P-5701 que comunica Sarria, Céltigos e Armea.

Os populares amosan a súa solidariedade cos veciños ante o estado destas vías “que é moi mellorable”. De feito, non entenden que “un deputado con tantos anos no goberno da Deputación de Lugo e que é un dos alumnos avantaxados do PSOE lucense teña tan abandonado o seu municipio”.

Ameijide subliña que “a falta de mantemento da rede de estradas provinciais – á que o goberno da Deputación retira 300.000 euros no orzamento para 2024- é habitual nos distintos concellos da provincia”. Ao respecto, o popular sinala que “se nota nos Concellos gobernados polo PP, pero tamén en Concellos onde goberna o PSOE e nos que veteranos deputados do PSOE son concelleiros e tenentes de alcalde coma é o caso de Láncara”.

Ameijide pide a Tomé e o goberno de PSOE e BNG “menos pensar en carreiras políticas persoais e máis preocuparse polos veciños da provincia”.