Xoves, 30 de novembro de 2023. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, condena que “José Tomé queira tratar de esconder convenios entre a Deputación de Lugo e o Concello onde é alcalde” porque “o goberno provincial non informou publicamente como fixo con outros convenios aprobados nesa mesma xunta de goberno, o pasado venres 17 de novembro”. Pero “non nos sorprende porque é tal o descaro que lle debería dar vergoña que haxa continuamente exemplos do trato desigual aos Concellos da provincia”.
O goberno provincial aprobaba fai unas semanas un convenio a través do que a Deputación de Lugo aportaría 500.000 euros en varias anualidades. E, recentemente, volvía aprobar outro convenio que recolle a obriga de achegar 220.000 euros por parte do ente provincial “tamén para o Concello onde goberna Tomé. A este respecto, o popular aclara que “o Partido Popular está a favor de realizar melloras e proxectos en todos os Concellos da nosa provincia, pero cun reparto de fondos provinciais xusto e igualitario”.
Ameijide subliña “a man ancha de Tomé cuns Concellos si e con outros non” porque “continúa a repartir diñeiro a través de convenios con Concellos gobernados polos seus amiguetes -PSOE ou BNG-; mentres que para o resto, nada de nada”; e, incluso, “se nega sequera a recibir aos alcaldes do PP, que representan practicamente á metade da provincia”, subliña.
“Mañá celebrarase unha nova xunta de goberno, veremos se Tomé continúa beneficiando a porta pechada aos Concellos gobernados polos seus amiguetes ou se rectifica, pero somos pesimistas con esta previsión”, manifesta o voceiro popular.
A COOPERACIÓN COS CONCELLOS REDUCIDA PARA O 2024
Ameijide lembra, ademais, que “a cooperación cos Concellos é unha das competencias propias das Deputacións”; pero “o goberno provincial PSOE-BNG vén de aprobar uns orzamentos para 2024 onde a reducen: conxelan o Plan Único que dende o Grupo Provincial Popular pedíamos que subise nun 30% e reducen nun 12% as transferencias correntes ou de capital ás entidades locais”.