Partido Popular de Lugo

Gueimunde: “XViveiro impúxonos a condena de 4 anos máis de falsas promesas ao respaldar ao PSOE e BNG na investidura”

Viveiro, 29 de novembro de 2023. O PP viveirense considera que o grupo XViveiro “está totalmente desacreditado e desautorizado para criticar o que acaba de apoiar por nada máis e nada menos que catro anos de desgoberno e mala xestión”. Refírese a voceira do Grupo Municipal, Mariña Gueimunde, ás declaracións publicadas no día de hoxe relativas ao desleixo do goberno local respecto do apoio ao deporte e á mellora das instalacións deportivas.

Para a popular, o mencionado grupo político “debe recapacitar” porque foron eles, di, “os que nos impuxeron a condena de 4 anos máis de falsas promesas logo de que respaldasen ao PSOE e ao BNG na investidura”.Por este motivo, Gueimunde aclara que “de nada serve preguntar nun pleno máis que para botarse flores, xa que os Sres. Fraga e Galdo puideron condicionar o pagamento desas axudas e non o fixeron”. Por tanto, engade: fraco favor lles fan ás asociacións. Se queren que Viveiro volva a ter prestixio e a senda da recuperación XA SABEN O QUE TEÑEN QUE FACER. Non nos podemos permitir catro anos máis de depresión económica, social e cultural”, conclúe.

PSOE E BNG, AGOCHADOS

“O sensentido do goberno que temos está só comezando. Será unha gota constante ao longo da lexislatura”, afirma a voceira do PP, quen, tendo en conta as queixas dos veciños e o deplorable estado no que están as instalacións deportivas municipais, se pregunta onde está o concelleiro de Deportes e o BNG. “Continúen agochados e sen dicir nin unha soa palabra. Pedímoslles máis traballo e máis criterio político”, sentencia.