Partido Popular de Lugo

Balseiro reivindica a construción das variantes dos Peares-Canaval e Rubián para que “o AVE chegue a Lugo”

Lugo, 29 de novembro de 2023. O deputado e portavoz de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, defenderá no pleno que o Parlamento de Galicia celebrará a vindeira semana unha iniciativa do Grupo Popular para esixir ao Goberno de España que “o AVE chegue a Lugo, á cidade e á provincia”. E para iso, segundo explica, “é preciso construír as variantes dos Peares-Canaval e Rubián”.

“Lugo é a única provincia de Galicia e a cidade, a única capital de provincia galega, que vai quedar sen conexión con AVE”. E isto débese, segundo explica Balseiro, a que “os Gobernos do PSOE non seguiron coa planificación que tiña feito no seu momento o Goberno de Mariano Rajoy onde se contemplaban dúas variantes: a dos Peares-Canabal e a de Rubián. Sen estas variantes, non chegará o AVE á provincia”, engade o deputado lucense.

O portavoz de Infraestruturas explica que “o Grupo Popular pedirá que se recuperen os proxectos para a construción das dúas variantes. Do contrario, estaríase persistindo nunha “discriminación” a tódolos lucenses “que perderíamos oportunidades e o noso tecido empresarial perdería competitividade”, asegura.

Balseiro agarda que “tanto o Grupo do PSOE coma o do BNG apoien esta iniciativa no vindeiro pleno para sacar esta proposta por unanimidade no Parlamento de Galicia”.