Mércores, 29 de novembro de 2023. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, asegura que “non se pode entender como PSOE e BNG poden estar permanentemente en contra dos galegos e, concretamente, en contra da Mariña”. Así o manifesta trala celebración do pleno da Deputación de Lugo no que o PSOE se negou a reclamarlle ao Goberno de Pedro Sánchez impulsar a A-74 e no que tanto socialistas como nacionalistas votaron en contra de mellorar o servizo da liña ferroviaria de ancho métrico.
Ameijide cre que “o transporte por ferrocarril pode servir como elemento vertebrador da Mariña, permitir unha mobilidade cómoda para os veciños e tamén constituír un motor turístico na zona; pero PSOE e BNG negáronse a apoiar a proposta do Partido Popular”. Socialistas e nacionalistas no goberno da Deputación votan en contra de medidas para A Mariña como reclamar ao Goberno do Estado a mellora do servizo da liña de ancho métrico -incluíndo a modernización do material rodante e o incremento de frecuencias- e as mesmas medidas compensatorias que anunciou para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados do atraso na renovación dos trens.
O portavoz popular condena que “PSOE e BNG rexeiten pedir para os galegos o mesmo trato que para cántabros, asturianos e vascos: a gratuidade de FEVE” e que, polo tanto, “PSOE e BNG estean de acordo con este agravio a Galicia”. Así mesmo, afea que “queiran seguir os pasos do negociador dos pactos de investidura de Pedro Sánchez e candidato do PSOE á Xunta que lle da todo a Cataluña e pon débedas aos galegos”.
Ameijide lembra que “o BNG non só vota en contra; senón que vén de firmar un novo pacto co PSOE nos mesmos termos que fai catro anos onde xa recollían a mellora desta liña. Pedro Sánchez non cumpriu demostrando que o BNG é un cero á esquerda, pero aínda así vólveno apoiar como presidente do Goberno”.
O popular incide en que “a provincia de Lugo non ten alta velocidade, nin autovías nin mantemento das vías do Estado” e para que “PSOE e BNG están de acordo en que Galicia sexa unha autonomía de segunda”.
A-74
O Grupo Provincial Popular reivindica o impulso da autovía da Mariña, a A-74, pero “o PSOE negouse na Deputación a esixir un compromiso real con esta infraestrutura paralizada polo Goberno de Pedro Sánchez” ao rexeitar unha proposta do PP. Os populares lembran que “esta autovía é unha parte fundamental para dotar á comarca dunha vía de altas prestacións” porque “son 33,5 km imprescindibles para conectar coa A-8”.
Na parte autonómica, “está construído o corredor ao seu paso polo termo municipal de Xove. Falta a variante de Viveiro -e a conexión co Vicedo- porque o Concello de Viveiro rexeitou ata 8 propostas de trazado”, inciden. Ao respecto, aseguran que “é preciso poñerse de acordo sobre o trazado para despois estudar a súa viabilidade”.