Partido Popular de Lugo

Rosa Arza asume a presidencia do PP de Quiroga arroupada por un gran equipo ante un reto importante

Quiroga, 26 de novembro de 2023. O Partido Popular de Quiroga comeza unha nova etapa coa celebración do seu congreso local no que os afiliados e afiliadas apoiaron como presidenta da formación a Rosa Arza. “Non o fai soa, xa que conta cun gran equipo que a arroupa nun reto importante”, segundo subliñou a presidenta do PP provincial, Elena Candia, durante a súa intervención no congreso ao que asistiron tamén distintos membros da dirección provincial, senadores, deputados, alcaldes e portavoces.

Rosa Arza apuntou como obxectivo do PP de Quiroga para esta nova etapa -na que contará cun 62% máis de afiliados e afiliadas- “volver encabezar a corporación local e conseguir que Quiroga se converta no lugar no que calquera persoa querería vivir”. E para iso sinalou a súa vontade de “traballar baixo o paraugas dun proxecto común, no que todos están convidados a participar, baseándose en piares como a unidade, o traballo en equipo, a motivación, o talante, a eficacia e, por suposto, a xestión”.

A presidenta electa, que considera “un privilexio poder traballar por Quiroga e polos quirogueses”, agradeceu o apoio “de todos os membros do Partido Popular de Quiroga: aos que participamos activamente, aos afiliados, aos simpatizantes e a todos os nosos votantes. O meu compromiso con todos e cada un de vós é total”, remarcou.

A Xunta Directiva do PP de Quiroga estará constituída por todos os afiliados e afiliadas, segundo explicou a presidenta local, “tanto os que xa o eran coma os que acaban de chegar” porque “vou contar con todas e cada unha das persoas que aman Quiroga e que están dispostas a contribuír para afrontar os retos, resolver os problemas e sacar todo o potencial que ten o noso concello”.

Rosa Arza é a máxima responsable de Novas Xeracións da provincia de Lugo, foi concelleira en Quiroga, senadora na pasada lexislatura e tamén presidiu a agrupación local de Novas Xeracións, como lembrou durante a súa intervención: “Fai 13 anos subíame a este mesmo atril como presidenta Novas Xeracións de Quiroga. Desde entón pasaron moitas cousas, pero hai algo que permaneceu intacto co paso do tempo: o meu compromiso con Quiroga e co Partido Popular local”.

Na fase previa á celebración do congreso local presentou 120 avais, sobrepasando en 90 o mínimo necesario para ser proclamada candidata. Os seguintes pasos serán a conformación dos distintos comités.