Partido Popular de Lugo

O Goberno confirma por escrito ao PP de Lugo que o Mitma incumprirá os compromisos asumidos de rehabilitar o firme da N-120 e de executar os carrís de adiantamento

Pantón, 25 de novembro de 2023. “O Goberno de Pedro Sánchez confirmounos por escrito estes días que Galicia e a provincia de Lugo segue illada na súa conectividade con Ourense”, segundo expuxo o deputado lucense no Congreso Francisco Conde hoxe en Pantón acompañado por deputados nacionais, autonómicos, provinciais, alcaldes e voceiros da zona sur.

O popular explicou que “non hai unha planificación para cumprir o compromiso que tiña o Goberno de desenvolver o terceiro carril na N-120 entre a Guítara e Ourense e non hai ningunha planificación real para acometer un plan de mellora co que corrixir o firme desta vía nacional que, na actualidade, non cumpre os requisitos mínimos de seguridade para os usuarios, entre os que se atopan os transportistas, para a conectividade da provincia de Lugo con Ourense”.

Conde subliña este caso como exemplo da “situación de indefensión que temos na provincia de Lugo e en Galicia” cun ministro de Transportes que non se toma en serio a situación que temos dende o punto de vista das infraestruturas na provincia de Lugo e cun Partido Socialista de Galicia que segue sendo portavoz de Pedro Sánchez e, realmente non está defendendo os intereses da provincia de Lugo”.

O popular reivindica “igualdade de oportunidades: igualdade de oportunidades dende o punto de vista das infraestruturas e igualdade de oportunidades para os transportistas e usuarios” que queremos que teñan “vías en condicións de seguridade que garantan a accesibilidade e conectividade entre as provincias de Lugo e Ourense” porque son “absolutamente clave en termos de competitividade e seguridade”.

Nese sentido, os populares piden “amparo ao PSdeG e ao Ministro de Transportes para que se poda corrixir esta situación de forma inmediata e, sobre todo, que se cumpra a palabra dada”. De feito, segundo lembra Conde, “había un compromiso para que se puidera licitar o terceiro carril de adiantamento neste ano 2023, pero vaise incumprir” e, ademais, “confirma que non hai planificación para mellorar a seguridade desta estrada”.

“O novo Goberno debe mudar de forma inmediata a súa actitude con Galicia e coa provincia de Lugo e amosar sensibilidade porque “estamos falando dos usuarios e transportistas e da competitividade da provincia” e cremos que “o Goberno debe garantir a igualdade de oportunidades”.

RESPOSTAS DO GOBERNO

No que respecta á solicitude dun plan integral de conservación e mantemento con habilitación de partidas presupostarias plurianuais para solventar os serios problemas identificados no firme, así como un programa de xestión preventiva de elementos como muros, taludes e obra de paso, o Goberno resposta o 16 de novembro e faino amosando que non considera necesario poñer en marcha do modo inmediato o citado plan, pois aclara, primeiro, que o proxecto de rehabilitación (puntos quilométricos 472,8-535,2) aínda se está redactando; segundo, que despois terá ser aprobado; e, terceiro, que a licitación dependerá de que se considere prioritario e de que haxa dispoñibilidade presupostaria. “Isto levará moitos meses e, polo tanto, os condutores seguirán transitando por unha estrada nun pésimo estado. É inaceptable esta demora para resolver un tema tan urxente”, sinala Francisco Conde.

En relación á mellora da seguridade e implantación do carrís de adiantamento (puntos quilométricos 548,8-564), o Executivo contestou o pasado 6 de novembro, eludindo ratificar o compromiso explicitado o 2 de marzo polo secretario xeral de Infraestruturas de licitar as obras en 2023. Ademais, engade o deputado que “seguen sen darnos unha data certa de conclusión sobre un proxecto que foi iniciado en novembro de 2017 cando gobernaba o PP e se acordou impulsalo para implementar un terceiro carril, co que se solucionarían os problemas que ocasionan as liñas continuas e que impiden o adiantamento”.