Venres, 24 de novembro de 2023O Grupo Provincial Popular esixe ao goberno da Deputación de Lugo explicacións en relación á apertura da residencia comarcal da terceira idade de Becerreá. Nese sentido, os deputados populares preguntarán no vindeiro pleno da corporación polos plans que ten o goberno provincial para este centro construído con fondos públicos.
Tralas declaracións do goberno provincial poñendo en dúbida a apertura da residencia de Becerreá; o voceiro popular, Antonio Ameijide, condena “a total impunidade coa que xogan cos cartos públicos na Deputación Provincial de Lugo”. De feito, explica que “o goberno da Deputación Provincial promoveu a construción dunha residencia da terceira idade en Becerreá para dar cobertura comarcal cun investimento de máis de 3,5M€ de diñeiro público de todos os lucenses. Pero, agora, un goberno presidido pola mesma cor política di que non se axusta ao seu modelo e que non ten previsto poñela en marcha”.
A este respecto, os populares lembran que “a Deputación de Lugo non ten aprobado formalmente un modelo de residencias” e que “se trata dun proxecto feito, aprobado, tramitado, financiado e executado pola Deputación de Lugo”. Polo tanto, “non se entende que agora queiran renegar do que fixo un goberno da súa mesma cor política”.
“Desde o Grupo do PP queremos explicacións: saber se o goberno da Deputación de Lugo pensa renunciar a este proxecto e, polo tanto, tirar con esa inversión de cartos de todos os lucenses. E, moi importante tamén, se pensan deixar a toda esa comarca sen o servizo que lles prometeran”, expón Ameijide. Por agora, “o que vemos é que a palabra do presidente Tomé e os seus deputados ten moi pouco valor”.
A finais do pasado mes de outubro, o deputado da Área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, explicaba en resposta a unha pregunta do Grupo Provincial Popular no pleno que está en execución o centro de transformación e que “o goberno provincial continuaría dando os pasos que considerasen convenientes para a apertura da residencia e centro de día comarcal en Becerreá”.
O proxecto do centro de día e residencial comarcal de Becerreá foi contemplado para acoller 96 prazas residenciais e 40 de centro de día. Así o recollía o convenio asinado en decembro do 2016 polo presidente da Deputación -naquel momento Darío Campos- e o alcalde de Becerreá. O goberno da Deputación licitaba en agosto do 2017 as obras para a súa construción que foron adxudicadas en xaneiro do 2018 e que remataron en decembro do 2021.