Samos, 24 de novembro de 2023. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia “a mala xestión dos cartos públicos que está facendo o goberno bipartito” tendo en conta “as queixas de varias empresas ante impagos por parte do Concello de Samos”.
Os populares amosan a súa preocupación porque “a empresa encargada de prestar servizos sociais vai deixar de traballar para o Concello de Samos porque acumula, dende agosto, unha débeda de máis de 16.000 euros”. Trátase dunha “cantidade importante para unha empresa pequena que si paga puntualmente aos traballadores e que, ata o momento, non tivo ningún problema como tampouco os ten noutros Concellos que si pagan puntualmente este tipo de servizos, segundo nos trasladou a súa xerente”.
Os concelleiros do PP pregúntanse “onde investiu a alcaldesa e o goberno bipartito os máis de 80.000 euros procedentes de dúas modificacións de crédito aprobadas recentemente que a alcaldesa explicaba nos medios de comunicación que eran para promoción social”.
Gallego tamén quere saber “que está a facer a alcaldesa cos máis de 1 millón de euros que había de remanente no Concello” porque ata agora “só vimos que servise para subirse o soldo a ela mesma”.