Burela, 21 de novembro de 2023. Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Burela advirten que “a alcaldesa recoñeceu de forma tácita durante unha reunión con hostaleiros que o Concello está a cobrar a taxa de terrazas a uns locais hostaleiros si e a outros non” e, polo tanto, cren que “o Concello debería aplicar unha posible condonación das taxas das terrazas para todos os hostaleiros -tal e como impulsou o Grupo Municipal Popular na época da pandemia- para tratar de minimizar o impacto económico negativo e evitar esta inxustiza”.
Para os populares o feito de cobrar a uns si e outros non supón “unha total falta de ética e de rigor na xestión municipal, ademais dun condicionamento total do sector ao gravar cun tributo local de forma totalmente arbitraria”.
“Tamén recoñeceu a alcaldesa o que era un segredo a voces: a ilegalidade de certas terrazas na nosa vila”. Esta situación debería ser regularizada mediante a ordenanza de terrazas para a que “o goberno local está aínda a facer consultas, a pesar de tela prometido o anterior goberno do que formaba parte xa a actual alcaldesa e o tenente de alcalde Ramiro Fernández”. Nese sentido, dende o Grupo Municipal Popular subliñan que “para dar cobertura legal a tódolos hostaleiros da nosa vila que decidiran poñer unha terraza nos seus locais, debería estar aprobada no momento no que se anunciou”.
O PP lamenta o “triste suma e segue” que está a levar a cabo a señora López Moreno e o señor Pillado Mon. “A parsimonia á hora de traballar dende o goberno local parece ser unha herdanza, por desgraza, ben aprendida por parte da actual mandataria municipal”, sinalan. Así mesmo, piden “poñer fin a esta situación de desigualdade a estes profesionais da hostalería que tratan de vivir con dignidade dos seus negocios”.