Cervantes, 18 de novembro de 2023. Os populares de Cervantes celebraron este venres no Mesón Catro Ventos o congreso local no que Óscar Fernández resultou elixido presidente por aclamación dos afiliados e afiliadas, que se incrementaron nun 85% dende a creación da xunta xestora local que preside dende fai menos dun ano. Tamén asistiron membros da dirección provincial, como o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal, o deputado no Congreso Francisco Conde, os deputados autonómicos Raquel Arias, Ramón Carballo e José Regueiro, o portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, e alcaldes e voceiros da zona.
Fernández comprometeuse a traballar da man dos afiliados e afiliadas aos que lles agradeceu o compromiso co Partido Popular e a mostra de confianza que depositaron no congreso local en todos os que forman parte da xunta directiva do PP Cervantes.
“Somos un equipo que está a traballar por Cervantes e os cervantegos en contacto directos cos veciños e veciñas e que seguirá traballando para darlles a coñecer o noso proxecto para o noso concello” porque “cremos en Cervantes: nas posibilidades do noso territorio e no esforzo dos nosos veciños por conservalo e crear novas oportunidades”, asegurou o presidente electo.
O popular, que é o voceiro do Grupo Municipal Popular, tivo palabras de agradecemento para “tódolos veciños que apoiaron a nosa candidatura nas pasadas eleccións municipais onde o PP incrementou nun concelleiro a súa representación na corporación do Concello de Cervantes”. Nese sentido, afirmou que “os catro concelleiros continuaremos a trasladar ao Concello propostas positivas para os veciños e reclamando aquelas cuestións que os veciños demanden”.
XUNTA DIRECTIVA DO PP DE CERVANTES
Óscar Fernández: presidente
Encarna Amigo: vicepresidenta
Isaac González: secretario xeral
Laura Pérez: secretaria de organización
Tania Santín: vicesecretaria de muller, maiores e xuventude
David Pérez: vicesecretario de Medio Rural e Medio Ambiente
Félix González: vicesecretario de infraestruturas
Amparo Estrada: vicesecretaria de educación e tecido asociativo
Marina Gómez: vicesecretaria de cultura e turismo
Fidel Trabado: vicesecretario de promoción económica e emprego
Javier Santín, José Gómez, Amelia Rodríguez, Javier González e José López: vogais
Ángel Val, Oliveros Gómez e Carlos Gómez: membros honoríficos do comité executivo