Santiago, 16 de novembro de 2023. As entidades locais gobernadas polo Partido Popular na provincia de Lugo estarán representadas na Federación Galega de Municipios e Provincias para o mandato 2023-2027 por dúas alcaldesas e outros tantos alcaldes. Son os seguintes: Remedios González (Rábade), Lola Castro (Folgoso do Courel), Héctor Corujo (O Incio) e Carlos Armesto (O Saviñao).
Os representantes lucenses no consello federal da Fegamp foron elixidos no decurso da XI Asemblea Ordinaria da entidade, celebrada en Santiago de Compostela e na que se constituíron os órganos directivos desta entidade para o novo período.
Héctor Corujo, que ademais ocupa o posto de vicepresidente e en nome dos seus compañeiros, agradeceu a oportunidade que se lles brinda “para representar aos concellos lucenses na defensa dos seus intereses e da veciñanza, así como tamén para facer as súas achegas ás iniciativas da Xunta de Galicia en materia lexislativa”. Tal é así que para o popular estes nomeamentos reflicten e poñen en valor “o peso que o rural ten para o PPdeG”.
Corujo quixo destacar que a colaboración entre administracións é esencial “se queremos que os nosos concellos podan ofrecer servizos de calidade para fixar poboación”, por iso expresou o seu desexo de que este novo mandato da Fegamp “permita ofrecer solucións ás demandas de toda a cidadanía, e non como desgraciadamente estamos a ver con privilexios entre territorios por puros intereses partidistas”.
Os gobernos do Partido Popular así o están demostrando, subliñou, destacando o anuncio realizado onte mesmo na asemblea da Fegamp polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, ao sinalar que o Goberno de Alfonso Rueda traballa na reforma da Lei de Administración Local de 1997. Unha iniciativa que permitirá adaptar este texto á realidade demográfica galega actual ao proporcionar ás entidades locais en risco de despoboamento ferramentas que garantan a calidade dos servizos municipais, avanzando cara a un novo municipalismo do século XXI.