Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara acusa ao alcalde de querer illar aos veciños dos núcleos de poboación máis pequenos da montaña de Láncara

O Grupo Municipal Popular de Láncara denuncia o mal estado no que se atopan numerosas estradas de titularidade municipal, concretamente aquelas que dan servizo aos núcleos de poboación máis pequenos do concello, moitos deles nas zonas da montaña do municipio, “polo abandono de anos aos que o alcalde de Láncara os ten sometidos”.

A voceira popular, Olga Capón, explica que os veciños destas zonas non aguantan máis e teñen medo de que polo mal estado das estradas “os condutores dunha ambulancia non poidan chegar ás casas ou que os camións que levan o pienso para os animais ou recollen o leite néguense a pasar por medo a avariar os vehículos”.

A realidade é que se chegou a este punto “por un abandono constante e de varios anos” xa que, segundo afirman os veciños e os concelleiros populares, as estradas perderon en moitos puntos as diferentes capas de asfalto que tiñan, sendo as fochancas e as pedras soltas un perigo para os condutores. “A realidade é que os veciños teñen medo a estragar os coches ou a ter un accidente porque son as únicas vías de acceso as súas vivendas”, explican.

Algunhas das vías municipais que presentan un peor estado son:

  • A que vai de Saa (Cedrón) a O Furco e que pasa por Villarín, Seara e A Cortella
  • A que vai de O Busto a O Furco, pasando por Armada e Casablanca
  • A estrada que vai dende O Busto a Saa (Cedrón)

Neste senso, Olga Capón esixe “unha reacción” ao alcalde e que se preocupe en serio por estes veciños que “teñen os mesmos dereitos que o resto de veciños de Láncara xa que pagan os mesmos impostos polo que merecen unhas vías de comunicación en bo estado”.