Cervo, 16 de novembro de 2023. O Parlamento de Galicia debaterá na sesión plenaria prevista para a próxima semana (mércores 11.20h) unha iniciativa promovida polo deputado do PPdeG, José Manuel Balseiro, coas demandas pendentes en apoio a Alcoa e á industria electrointensiva galega.
A iniciativa urxe ás administracións, nomeadamente ao Goberno central, a completar os compromisos pendentes cando resta pouco máis dun mes para que se cumpra o prazo acordado entre a empresa e o traballadores e volvan a poñerse en marcha, de xeito progresivo, as cubas electrolíticas de aluminio na factoría emprazada na Mariña lucense.
Balseiro insiste en que despois de todo este tempo aínda non se ten resolto o principal reto pendente, que non é outro que garantir un prezo enerxético “estable e competitivo” para esta industria. Nese senso insiste que debe ser “unha das primeiras decisións que acometa o novo Goberno de España, como administración competente”. Visto que ata o momento non foron capaces ou non tiveron vontade de facelo, os populares galegos e Balseiro “en primeira persoa, como veciño da zona”, non poden deixar de lembrar que non hai un minuto que perder”.
A iniciativa cita unha serie de medidas dirixidas a apoiar a actividade e o emprego dos traballadores de Alcoa e pide a todas as instancias, empresa e administracións, que cumpran cos compromisos adquiridos. Nese senso Balseiro lembra que están en xogo moitos empregos pero tamén o futuro dunha actividade económica e industrial esencial para a comarca e para provincia. “Non o esquezamos que estamos falando da primeira industria electrointensiva de España e a única do país que producía aluminio primario, ata o seu parón en decembro de 2021”.