Partido Popular de Lugo

Os populares comprométense cos veciños de Castroverde a solicitar ao goberno local o arranxo de camiños en mal estado e o remate da instalación da fibra óptica

Castroverde, 15 de novembro de 2023. Os concelleiros do Grupo Municipal Popular que encabeza Pablo Figueiras están a manter contacto directos cos veciños de todo o municipio e, recentemente, achegáronse a escoitar as necesidades da parroquia de San Andrés de Barredo onde puideron constatar o mal estado dos camiños, “unha queixa xeneralizada en todo o concello”, subliña.

Os populares explican que estes camiños municipais están “cheos de baches” e atópanse “sen rozar” e, polo tanto, causan prexuízos aos veciños e veciñas nos labores do seu día a día.

Nese sentido, convidan ao alcalde socialista a “atender as necesidades dos veciños” e a xestionar debidamente “os camiños e pistas do municipio” para favorecer as comunicacións dos veciños e veciñas.

Outra das queixas que lles trasladaron os veciños da parroquia de San Andrés de Barredo aos populares é a relacionada coa instalación da fibra óptica: “quedou abandonada sen rematar causando un gran trastorno para autónomos, empresas e estudantes”.

É por iso polo que Pablo Figueiras lle esixe ao alcalde “máis traballo para resolver os problemas dos veciños” e “menos insultos os concelleiros do noso Grupo Municipal”.