Vilalba, 14 de novembro de 2023. O Grupo Municipal do PP de Vilalba leva moito tempo advertindo do mal estado das vías de titularidade do Concello e, polo tanto, “consideramos prioritario o seu arranxo tanto para Samarugo, coma para calquera parroquia de Vilalba”. Así o manifestan tralo pleno deste mércores no que votaron a favor da proposta de arranxar as pistas desta parroquia.
Aínda así, os concelleiros populares incidiron en lembran que “é de vital importancia arranxar a Ponte da Ribeira”. De feito, a portavoz, Sandra López, subliñou que “a súa situación é sumamente grave: un piar está no aire, os coches tocan abaixo, etc. Esa ponte, no estado no que está, é un auténtico perigo”. Nese sentido, instan ao responsable das infraestruturas do rural, o señor Renda, a actuar “con urxencia e celeridade”.
Por outra banda, en relación á transferencia de crédito das contas municipais, os populares condenan que “ao goberno local lle preocupe máis a estética da rúa da Pravia cando Vilalba ten outros problemas máis urxentes”. De feito, os concelleiros do Grupo Municipal Popular votaron en contra desta proposta porque consideran prioritario “resolver antes os problemas que se crearon coa obra da rúa da Pravia” como son “o atasco e caos circulatorio, entrada de auga na planta baixa dalgunhas vivendas, inseguridade para peóns por diferencias de nivel no pavimento, sinalización deficiente e con baixa visibilidade”.
A portavoz lamenta que “o goberno bipartito gaste en cousas que ninguén lles pide e que non atenda as necesidades dos vilalbeses”. De feito, “o bipartito aproba agora gastar para colocar plantas decorativas, bancos e cámaras de vixilancia”.
A popular considera “unha mostra de improvisación” o feito de que “o goberno local xa gastou en agosto preto de 13.000 euros en plantas (6.000) e xardineiras (7.000) para a rúa da Pravia e agora pretenden gastar outros 85.000 euros, principalmente tamén nesta rúa”. Para os populares “ademais de gastar preto de un millón na rúa da Pravia, seguen gastando máis e máis mentres que noutras rúas e no rural non se anda polas estradas”.