Xermade, 10 de novembro de 2023. O Grupo Municipal do PP de Xermade insta ao goberno do Concello a dirixirse ao goberno da Deputación Provincial para esixirlle que corrixa con celeridade os problemas que xorden por mor da auga nas vías da súa titularidade ao seu paso polo municipio e que realice, de cara ao futuro, un labor de prevención máis eficaz “se non é moito pedir”. Os populares trasladaron esta solicitude aos responsables do goberno local para que insten á Deputación a arranxar as deficiencias na estrada que comunica Areosa e Sanche, na parroquia de Piñeiro, no punto que coincide coa estrada municipal que vai da Panda a Curra e Xestoso.
O portavoz, Antonio Riveira, sinala que “estes días de choiva os veciños tivemos que sortear os baches e foxos feitos na propia estrada pola auga debido á deficiente limpeza e o abandono tanto da administración provincial como da municipal; xa que o perigo está no propio cruce”. “Pese ás queixas dos propios veciños e usuarios pasa o tempo sen dar unha solución de urxencia ao problema co conseguinte risco para a circulación, especialmente de noite que non se adiviña o risco que ten a estrada”, conclúe.