Sarria, 9 de novembro de 2023. A estrada provincial LU-P-5701, entre Sarria e Armea pasando por Céltigos, é unha vía de moito tránsito e que se deteriora continuamente; máis aínda agora na época de chuvias. O estado que presenta a vía con numerosos baches -especialmente no núcleo de Céltigos- é motivo habitual de queixas por parte dos veciños e veciñas, unha preocupación que comparten os concelleiros do Grupo Municipal Popular debido “non só á incomodidade de circular por ela, senón pola perigosidade que pode supoñer para os usuarios”.
Nese sentido, a portavoz dos populares, Carmen José López, pide tamén a implicación do alcalde como máximo representante do Concello para que, en nome dos veciños, esixa ao goberno da Deputación de Lugo -que é a titular da vía- a mellorar a vía incluíndo a renovación do pavimento con aglomerado en quente, ademais da limpeza de cunetas e outros aspectos que sexan necesarios para garantir a seguridade dos usuarios.
A popular pide que “en lugar de botar parches que se levantan continuamente, se aplique aglomerado en quente, o que permitiría resolver os problemas habituais co pavimento”. Así mesmo, incide en que “para a actuación de rehabilitación integral da vía que se require se deben ter en conta tamén as necesidades de ancho suficiente para garantir que dous camións se crucen en condicións de seguridade” porque “esta estrada é moi empregada por vehículos pesados”.
RECLAMACIÓN TRASLADADA Á DEPUTACIÓN
Carmen José López, que tamén é deputada do Grupo Provincial Popular, solicitara durante o pleno do mes de xullo da corporación provincial ao goberno da Deputación de Lugo -do que forma parte o voceiro do BNG en Sarria- que realizara as xestións oportunas para levar a cabo, canto antes, actuacións de mellora para corrixir as deficiencias desta estrada provincial; así coma doutras de titularidade provincial no termo municipal de Sarria coma a LU-P-4303 ou a LU-P-5602, ademais de pedir a instalación de elementos que melloren a seguridade na LU-P-5709.