Partido Popular de Lugo

María José Goméz pedirá no Senado que o Goberno mellore “urxentemente” o firme da N-540 para garantir a seguridade e evitar máis accidentes

Guntín, 9 de novembro de 2023. A senadora por Lugo, María José Gómez, adianta que pedirá no Senado que o Goberno mellore “urxentemente” o firme da N-540, á altura do treito comprendido entre os puntos quilométricos 16,750 e 17,000, co fin de que se garanta a seguridade aos usuarios e se eviten accidentes como o acontecido no día de hoxe, no que unha furgoneta e un vehículo colidiron, ocasionado importantes danos materiais nos vehículos e danos leves nos ocupantes do turismo implicado.

A senadora e o resto de compañeiros na Cámara Alta -José Manuel Barreiro e Juan Serrano- solicitan así a actuación inmediata do Executivo pois “non queremos ter que lamentar un mal maior”. É que, segundo expón a tamén alcaldesa da localidade, “son moitos os coches que se van no mesmo punto”.

“Estamos moi preocupados porque hai saídas de vía continuamente. Dende o día 25 que lle plantexei o problema que aquí había á Subdelegada do Goberno non tiven máis noticias. Só puxeron unha sinal de perigo, pero o problema, remarca María José Gómez, non é a velocidade, senón o estado do firme porque aínda indo a 60 os coches vanse igual”.

QUEIXAS DOS VECIÑOS

Esta situación está a provocar numerosas queixas nos veciños do municipio e dos negocios do núcleo urbano. É o caso de Jesús Rodríguez, propietario de Casa Fidalgo, que ademais ten unha relación directa de parentesco coa condutora do vehículo afectado, e que destaca: “isto xa non é de hoxe. Esta estrada leva moito tempo con moitas deficiencias. Cada día hai accidentes e sempre no mesmo sitio. Non é dicir 50 metros arriba ou 50 abaixo; sempre no mesmo lugar. Este é un punto negro que realmente non depende do lugar senón da situación da vía”, insiste.

DEMANDA HISTÓRICA DO PP

A mellora da N-540 vén sendo obxecto de demanda do PP nos últimos anos no Congreso dos Deputados e no Senado, pois dende que Pedro Sánchez é presidente o recorte orzamentario foi unha constante. Así, unha vez máis, e en apoio aos veciños de Guntín e á senadora da localidade, os deputados no Congreso -Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades- tamén pedirán o seu arranxo na Cámara Baixa, pois, lembran, “esta é a única opción dispoñible para ir a Ourense, xa que non existe autovía que comunique as dúas provincias”. Concretamente, os plans que manexaba no seu día o Goberno de Rajoy para investir na reforma desta nacional ascendían a 20 millóns de euros, pero o Executivo socialista “encargouse de eliminalos das contas estatais”.

COA INVESTIDURA, O AGRAVIO CONTINUARÁ

Os populares continúan así co obxectivo de defender a provincia e de que se corrixa o agravio protagonizado polo Goberno de Sánchez, e que continuará logo do acordo entre PSOE e BNG para favorecer a súa investidura. Neste caso concreto, dende o PP non dubidan en liderar esta ofensiva porque os datos así a avalan. Dende 2018 nesta estrada de titularidade nacional vense rexistrando un accidente de tráfico cas tres días; máis de 400 accidentes producidos dende esa data, en gran parte, polo mal firme que presenta.