Monforte, 7 de novembro de 2023. Os concelleiros do PP de Monforte non entende a postura do alcalde, José Tomé, que no pleno do luns afirmou sen ningún tipo de vergoña que “non pensa solicitar as axudas da Consellería de Política Social para ampliar as prazas da escola infantil ou crear un PAI”.
A voceira popular, Katy Varela, ve innecesaria a “soberbia” do alcalde xa que afirmar que “é un esforzo manter aberta a escola infantil” debería de considerarse “unha absoluta falta de respecto a todos os usuarios da mesma, ademais de a todas as familias que se atopan na lista de agarda”.
Os concelleiros do PP de Monforte preguntaron no pleno do pasado luns a José Tomé se solicitara as axudas da orde da Consellería de Política Social para poder ampliar as prazas das escolas infantís municipais ou para crear os PAIs (Puntos de Atención á Infancia) e obtiveron as respostas xa comentadas, a pesar de que “as prazas coas que conta o centro son insuficientes para poder atender á demanda existente”.
Katy Varela afirma que “non concordamos nin coas formas nin coas respostas do alcalde. Non é de recibo escoitar a José Tomé dicir sen miramentos que mentres sexa alcalde de Monforte non vai a solicitar ese tipo de axudas” ao que engade que “manter a gardaría é un esforzo”.
Para os populares manter a escola infantil aberta e aumentar o número de prazas da mesma “non é un esforzo” xa que “manter un recurso tan importante coma este, fundamental para a conciliación familiar e para poder asentar poboación na cidade debe de ser prioritario para todo alcalde”.
Katy Varela critica a negativa de Tomé para solicitar os recursos económicos que a Xunta de Galicia pon a disposición dos concellos para poder ampliar as prazas das escolas infantís ou para crear os PAIs, puntos que por lei só poden constituír os concellos, polo que a Xunta dá os recursos económicos para que este tipo de servizos poidan ver a luz e axudar ás familias.