Partido Popular de Lugo

O PP de Lugo comprométese a “traballar da man das mulleres rurais” para “avanzar no desenvolvemento do noso territorio”

Lugo, 6 de novembro de 2023.- Lugo é unha provincia con marcado carácter rural “do que estamos moi orgullosos no Partido Popular onde o temos moi presente á hora de facer propostas e adoptar medidas nas institucións onde gobernamos”. E, se falamos do rural, “non podemos esquecer, dentro das familias, a figura das mulleres ás que tanto temos que recoñecer por ser o piar fundamental da nosa sociedade”.

Así o indicou a presidenta do PP provincial, Elena Candia, no momento da entrega dun decálogo que recolle as liñas de traballo que defende o PP da provincia de Lugo para dotar de oportunidades ás mulleres do rural a Carmen Quintanilla durante unha reunión enmarcada na visita que a fundadora e presidenta da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (AFAMMER) de ámbito nacional está a realizar á provincia de Lugo.

O encontro, no que tamén participaron representantes veciñais, deputadas autonómicas e representantes do PP lucense no Congreso e no Senado, serviu para intercambiar experiencias e opinións; ademais de abordar as necesidades que lles trasladan as asociacións de mulleres rurais e dende AFAMMER Lugo, a federación provincial recentemente constituída. “Queremos traballar da man para avanzar no desenvolvemento do rural que pasa, sen dúbida, por desenvolver políticas de apoio ás mulleres en relación a diversos ámbitos”, segundo defenden as populares.

De feito, o decálogo recolle propostas e obxectivos no ámbito da corresponsabilidade, a conciliación, a concenciación e prevención da violencia de xénero, a formación, a dixitalización, a empregabilidade ou a dinamización social vencellada á saúde.

MEDIDAS DE APOIO ÁS FAMILIAS DO RURAL

Candia subliñou que “no ámbito autonómico o Goberno de Alfonso Rueda está a desenvolver xa moitas medidas para facilitar a conciliación, favorecer o emprendemento e dotar de oportunidades ao rural tendo moi presente a perspectiva de xénero. Todas elas co obxectivo común de facer atractivo o rural para asentar poboación a través de políticas dirixidas a garantir a igualdade de oportunidades entre os ámbitos urbanos e rurais e, por suposto, entre homes e mulleres”.

A popular citou, por exemplo, axudas ao emprendemento feminino que se suman ao asesoramento e outros apoios para favorecer a creación de emprego ou ás subvencións dirixidas á actividade agrogandeira para a posta en valor do noso medio rural que favorecen o asentamento de mozos e mozas no rural. Candia subliñou, neste sentido, que “a nosa provincia liderou no período 2016-2020 de xeito destacado a percepción das axudas a pequenas explotacións (52% dos expedientes aprobados), a plans de mellora (48% dos expedientes aprobados) e incorporación de mozos e mozas (41,5% dos expedientes aprobados)”. Ademais, o Goberno autonómico vén de anunciar para o 2024 a rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais do que se poderán beneficiar os habitantes do rural.

A presidenta do PP provincial tamén lembrou as medidas para facilitar a conciliación familiar tanto no ámbito urbano coma no rural a través da gratuidade universal das escolas infantís para nenos e nenas de 0 a 3 anos ou a implantación de casas niños e casas do maior nos concellos máis pequenos como recursos próximos aos fogares das familias.

PERSOAS COIDADORAS

Aproveitando que o 5 de novembro se conmemora o Día Internacional das Persoas Coidadoras, Candia quixo recoñecer o labor diario das persoas que se dedican ao coidado de nenos e maiores xa sexan os propios familiares ou empregados – na maioría dos casos mulleres- de centros residenciais ou atención domiciliaria.

Así mesmo, a presidenta dos populares lucenses agradeceu que o Goberno de Rueda recolla no proxecto de orzamentos da Xunta para o 2024 os bonos de 5.000 euros anuais para as persoas dependentes que son coidadas nos seus fogares e de 1.200 euros ao ano para as persoas que fan uso dun centro residencial privado, con independencia do seu grao de dependencia.

DECÁLOGO DE LIÑAS DE TRABALLO PARA DOTAR DE OPORTUNIDADES ÁS MULLERES RURAIS

  1. Favorecer o relevo xeracional, a incorporación de mozos e mozas á actividade vinculada ao aproveitamento dos recursos do rural e a profesionalización da muller para potenciar a súa presenza en cargos directivos.
  1. Despregar unha rede de conexión a Internet de alta velocidade que favoreza un acceso de calidade de forma que garanta un servizo en igualdade de condicións con respecto aos núcleos urbanos. Esta rede de comunicación favorece a implantación do teletraballo, que en certos casos favorece a conciliación familiar, e o asentamento da poboación no rural.
  1. Desenvolver programas de formación nun entorno próximo de cara a mellorar as competencias dixitais dos adultos no rural, especialmente das mulleres, para a realización de trámites telemáticos básicos que faciliten as súas relacións coas distintas administracións ou, incluso, para incentivar novas oportunidades de negocio aproveitando as ferramentas de venda on line.
  1. Asesorar de forma personalizada ás mulleres interesadas en emprender dende o rural sobre os procedementos administrativos e axudas para a posta en marcha dos seus negocios.
  1. Lograr a acreditación formal das persoas, sobre todo mulleres de máis de 45 anos, con experiencia laboral formal ou non formal no ámbito do coidado de menores de ata 16 anos que as habilite para a súa inclusión en bolsas de emprego para o coidado profesional favorecendo, así, a súa empregabilidade.
  1. Promover campañas de sensibilización sobre a corresponsabilidade, de prevención da discriminación e a violencia de xénero no rural e de información sobre os recursos e apoios ás vítimas.
  1. Favorecer a implantación de recursos para a conciliación no rural como as casas niño ou as casas do maior de forma que as familias dispoñan deste servizo -que tamén serve como respiro familiar- de forma gratuíta e próxima aos seus fogares.
  1. Fomentar a actividade social, especialmente a relacionada co exercicio físico e a estimulación cognitiva, dende as administracións públicas máis próximas para contribuír a un envellecemento activo, atallar o deterioro cognitivo ou contribuír á dinamización social pensando especialmente en diminuír os efectos da soidade non desexada.
  1. Deseñar e executar un programa de seguimento de persoas maiores que vivan soas ou se atopen en situación de vulnerabilidade dirixido por profesionais que coordinen as accións necesarias: acompañamento a consultas médicas, transporte gratuíto baixo demanda para favorecer que os maiores de 65 anos asistan ás citas médicas, realicen xestións administrativas e bancarias, compras de aprovisionamento e similares.
  1. Seguir mantendo un contacto permanente entre os representantes das distintas administracións en relación ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) co obxectivo de revisar de forma periódica as necesidades dos usuarios e traballadoras, que son na maioría dos casos un apoio importante na vida diaria dos nosos maiores, de cara á adopción de medidas consensuadas e adaptadas á normativa e aos cambios sociais.