Partido Popular de Lugo

Pablo Figueiras, novo presidente do PP de Castroverde por aclamación

Castroverde, 4 de novembro de 2023. Pablo Figueiras vén de ser proclamado presidente do Partido Popular de Castroverde logo de contar co apoio unánime dos afiliados e do respaldo da dirección provincial. Deste xeito, o voceiro da agrupación local asume “con ilusión” a responsabilidade de dirixir o partido neste municipio que nos últimos procesos electorais acadou unha suba importante na porcentaxe de voto.

Nas pasadas eleccións municipais, o PP que lidera Figueiras subiu de 1 a 4 concelleiros, fronte a un PSOE que baixou 3 edís e un BNG que só sacou 1. En termos porcentuais os resultados foron os seguintes: PP: 31,52% (553 votos), PSOE: 53,59% (940 votos), e BNG: 13,85% (233 votos).

Nos comicios de xullo, o Partido Popular superou en case 20 puntos ao PSOE, acadando o 50,06% dos votos (826), fronte ao 34% do Partido Socialista (561) e ao 8,36% (138). Sumar e Vox obtiveron, respectivamente, o 3,39 e o 3,21%.

Figueiras agradeceu “o apoio dos compañeiros e tamén da dirección lucense”, pois sen eles, engadiu, “este proceso non se tería desenvolvido con tanta naturalidade”. Tal é así que o novo presidente trasladou “o compromiso total e absoluto”, para, dixo, “seguir traballando, manter os resultados obtidos e ofrecer un proxecto político que nos permita ser alternativa a un goberno desgastado e que xa non convence aos veciños”.

Pola súa banda, Elena Candia manifestou que “o PP de Castroverde está no bo camiño. Tanto nas municipais como nas xerais acadáronse uns resultados moi positivos que son a consecuencia do traballo e de estar coa xente”, destacou. Neste senso, animou á nova directiva “seguir na mesma senda para consolidar este bo saber facer nas eleccións autonómicas”.

DIRECTIVA

No congreso local celebrado esta mañá, e que estivo presidido pola máxima dirixente dos populares lucenses, e o secretario xeral, Javier Nodal, deuse conta dos resto de integrantes que, xunto a Pablo Figueiras, constitúen a nova directiva. Son os seguintes: José Manuel Rey Vázquez (secretario xeral) e vogais: Óscar Pérez Cascudo, Ricardo Antonio Díaz Fernández, Jesús Fernández Besteiro e Domingo Pereira Domínguez.