Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte acusa a Tomé de mirar cara outro lado para solucionar os problemas de saneamento e abastecemento

No PP de Monforte acusan a José Tomé “de tentar lavarse as mans e mirar cara outro lado” na resolución dos problemas co saneamento e abastecemento de auga potable que afectan á cidade dende hai varios anos.

A voceira popular, Katy Varela, recorda que no pleno de outubro o alcalde someteu a votación a prórroga dun contrato asinado entre o Concello de Monforte e Confederación Hidrográfica Miño-Sil para o arranxo de varios puntos problemáticos na cidade referentes a saneamento e abastecemento, sendo estes “problemas recorrentes” no municipio e que, segundo o convenio, tiñan que resolverse antes do remate do 2023.

“Estamos ante a terceira prórroga do convenio, asinado en 2020, e vemos como agora as obras deben rematar en 2025, alongando dous anos máis o remate das obras para solucionar problemas importantes para os monfortinos”, denuncia a popular.

Dende o PP de Monforte reprochan a José Tomé “o desinterese que amosa na corrección dos problemas de auga na cidade e o mal que se está a executar este contrato”, que ten dous exemplos moi claros en dous barrios da cidade: 

  • Barrio da Estación: o goberno local non é capaz de atopar o punto no que se está a producir o problema de subministro de auga na rúa Morín, o que derivou en que se están a furar diferentes puntos da rúa, sen que apareza o punto conflitivo coa auga. A realidade é que os veciños como que non haxa presión de auga e o alcalde di que “os veciños teñen que instalar bombas de presión” en lugar de solucionar un problema que é responsabilidade do concello.
  • Barrio de Piñeira: problemas co saneamento. As augas fecais saen á rúa, co conseguinte risco sanitario que isto leva parello. 

A realidade é que Monforte chegou a este punto porque, sempre que tivo ocasión, José Tomé negouse a aceptar a colaboración proposta dende a Xunta de Galicia como, cando hai catro anos, a Consellería de Infraestruturas ofreceu ao Concello de Monforte a posibilidade de asinar un convenio que “José Tomé optou por non valorar e, como adoita dicirse, daqueles polvos temos estes lodos”.

A realidade é que cando a Xunta de Galicia ofrece axuda económica ao Concello de Monforte, José Tomé pecha a porta e nin quere valorar as opcións que lle ofrecen. “Para que fai isto? Para ter o falso argumento de que a Xunta nin colabora nin inviste en Monforte pero, sempre é o propio alcalde o que se nega a que a Xunta colabore na mellora da vida dos monfortinos”, denunciou.