Quiroga, 31 de outubro de 2023.- O PP de Quiroga pide ao alcalde que solucione os problemas que teñen os veciños co subministro de auga. O voceiro do Grupo Municipal, José Manuel Pol, alerta que, dende o verán, os cortes no uso doméstico son continuos e que incluso os hostaleiros teñen que mercar a auga para facer, por exemplo, os cafés.
“Estamos moi preocupados. O que nos trasladan os veciños é que a traída non ten tampouco a forza suficiente para que os quentadores poidan funcionar á hora de ducharse. As queixas dos bares son tamén unha realidade e a situación, engade, non mellora nesta época do ano na que as choivas son máis intensas e abundantes”, advirte.
SEN NOTICIAS DO PLENO ORDINARIO
Noutra orde de cousas, os populares quirogueses pregúntanlle ao goberno local polos motivos polos que non convocou este mes o pleno ordinario. E é que, segundo expoñen, “iso é o que se acordou cando se constituíu a nova Corporación”. Este acordo rexe, precisamente, que as sesións teñen que celebrarse cada dous meses, tendo que ser convocado o 27 deste mes.
“Queremos que se nos expliquen as causas de por que non tivemos a sesión que correspondía. É un dereito que temos e é a nosa obriga como grupo municipal fiscalizar a acción do goberno”, conclúe.