Os deputados nas Cortes Xerais -Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades, a voceira do Grupo Municipal do PP de Monforte, Katy Varela, así como a deputada autonómica Raquel Arias, así como voceiros e alcaldes da zona sur da provincia anunciaron este sábado que pedirán ao Goberno a licitación inmediata da obras das obras da Autovía a-76, Ourense-Ponferrada-, enlace de Monforte Este-Babela.
Os populares, a través das iniciativas rexistradas en sendas Cámaras, pretenden que o Executivo “saque do caixón o proxecto” e reactive esta infraestrutura que acumula un retraso de case catro anos sobre o prazo contractual previsto, e cuxa posta en marcha contribuirá ao desenvolvemento socioeconómico non só da cidade do Cabe, senón de toda a zona sur da provincia. “Existe unha falta clara de compromiso deste Goberno coa A-76 mentres a N-120 ten un estado de conservación inaceptable”, advirte Francisco Conde.
En contraposición a esta falta de compromiso do Goberno central está “o apoio firme e decidido da Xunta de Galicia” a través dun investimento de 100M€ destinados a “desenvolver as infraestruturas necesarias para poder atraer novos investimentos e favorecer o crecemento económico”.
CRONOLOXÍA DO RETRASO
O Goberno sacou a licitación o proxecto desta variante en novembro de 2017 por valor de máis de 520.000 euros, quedando o concurso resolto en setembro de 2018. A adxudicataria dispoñía dun prazo máximo de 18 meses para a entrega do documento; polo que, tal e como precisou Francisco Conde, “xa debería de estar entregado en marzo de 2020, pero, a día de hoxe, nin se nos explicaron os motivos de tal demora nin as previsións, se é que teñen vontade política de facelo, de licitar os traballos”. “Non podemos esquecer que este é o punto de entrada e saída do polígono de Reboredo”, remarca Francisco Conde.
O PP COAS INFRAESTRUTURAS DA ZONA SUR
Con esta comparecencia sobre o terreo que, en palabras da voceira do PP, “é como se teñen que facer as cousas politicamente”, os populares volven a pedir que esta infraestrutura “estea obrigatoriamente na axenda política do Goberno e dos socialistas da provincia e de Monforte”. Fixérono en febreiro 2020, obtendo como resposta do Executivo: “El proyecto de trazado “A-76 circunvalación de Monforte de Lemos. Enlace Monforte este-Babela” (Ourense-Ponferrada) se encuentra en redacción desde agosto de 2018, y continúa su redacción de acuerdo con el programa de trabajos vigente”; en xuño de 2021, data na que o Goberno detallou: “la redacción de los proyectos de trazado y construcción del tramo Monforte Este-Babela de la Autovía A-76 no ha concluido”; e, febreiro de 2023, recoñecendo o Executivo que “había finalizado la redacción del proyecto de trazado, pero no la del proyecto de construcción de este tramo de tan sólo 7.7 km, lo que supondría que se han excedido el plazo contractual en tres años y siete meses”.
Os populares poñen así o acento nunha das principais vías de comunicación que deixara encamiñada o Goberno de Mariano Rajoy e que ano tras ano foi bloqueada nos Orzamentos do Estado. Cabe lembrar que o PP presentara nos exercicios anteriores varias emendas para corrixir as deficiencias que a provincia ten en materia de comunicacións, neste caso por estrada. Pedían incrementar o investimento do Goberno nesta materia en 20 millóns de euros para avanzar nas autovías proxectadas, e que Pedro Sánchez mantén paralizadas dende que chegou á presidencia. A proposta, na que se atopaba o impulso da circunvalación da A-76, no tramo indicado, foi rexeitada ano tras ano polos representantes socialistas, incluídos os que representan a Lugo nas Cámaras Alta e Baixa.
Pola súa banda, a voceira do Grupo Municipal do PP de Monforte, Katy Varela, recorda como dende o PP de Monforte xa pedimos a Tomé “que se faga realidade esa circunvalación, fundamental para o desenvolvemento das infraestruturas”. “Se de verdade Tomé se preocupa por Monforte debería de presionar para que as novas infraestruturas sexan unha realidade”, afirmou.