Os orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 certifican o compromiso do goberno autonómico con Burela xa que está previsto investir no municipio máis de 4,7M€ de forma directa. Así o certifican os concelleiros do Grupo Municipal do PP en Burela que non entenden as críticas da rexedora burelense ás contas da Xunta para o municipio.
O voceiro popular, Manuel Rouco, ve “moi tristes” as críticas de María del Carmen López Moreno ás contas da Xunta para Burela que inclúen unha partida de 2,7 M€ para o saneamento e a EDAR, máis de 1 M€ para a segunda fase da obra de ampliación e remodelación integral do Hospital da Mariña, 830.000€ para o reforzo do dique do porto e 170.000€ para a mellora da ETAP.
“A realidade é que a alcaldesa de Burela critica os compromisos da Xunta co municipio mentres ela é incapaz de sacar adiante as contas do Concello das que nada se sabe”, afirmou.
O popular explica que seguramente a López Moreno o que lle gustaría é que a Xunta de Galicia non investise en Burela para poder queixarse “un pouco máis”. A EDAR de Burela é un compromiso do Grupo Municipal do Partido Popular: “Estanse a cumprir os prazos polo que non hai perigo de perder os fondos europeos”, afirmou.
A Xunta de Galicia así o ratificou coas sucesivas licitacións que está a realizar da obra.
PROMESAS INCUMPRIDAS DO BIPARTITO LOCAL
Manuel Rouco non entende que a rexedora critica á Xunta de Galicia cando “ela mesma formou parte dun goberno que incumpriu sistematicamente numerosos compromisos”.
No programa de goberno da alcaldesa defendeu numerosas promesas que xa realizara o anterior alcalde do PSOE “unha mostra de que ninguén se pode fiar da súa palabra”, sendo algunhas desas promesas referentes ás súas áreas de goberno “e non foi capaz de realizalas”.
“Tamén son importantes para Burela as promesas que realizaron os diferentes gobernos socialistas e que nunca chegaron a cumprir, polo que a alcaldesa debería de deixar de queixarse tanto e traballar por Burela e para que Burela teña uns orzamentos xustos e equilibrados o vindeiro ano”, finalizou.