Os concelleiros da Agrupación Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos defenderán no pleno do luns unha iniciativa para que o Concello inste ao Goberno central a cumprir co 50% de financiamento dos servizos de dependencia que estipula a Lei 39/2006, moción que, dada a súa importancia, tamén se presentou no Parlamento de Galicia a través da portavoz de Política Social, Raquel Arias.
A voceira popular, Katy Varela, ve “imprescindible” que o Goberno do Estado cumpra coas súas obrigas neste eido xa que “dende todas as administracións debemos traballar arreo para evitar que haxa listas de agarda, sobre todo no referente aos servizos sociais”.
Neste eido, dende a Agrupación Municipal do PP xa denunciamos nos últimos meses a longa lista de agarda que hai no Concello de Monforte para recibir o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Neste eido, “insistimos en que todas as administracións debemos colaborar, non facer como o goberno local de Monforte que presume de aumentar o orzamento que destinan a este servizo en 50.000€, pero os cartos son cofinanciados entre a Xunta de Galicia e as aportacións dos usuarios”.
Este incremento na partida orzamentaria que se destina ao SAF permitirá reducir a lista de agarda nunhas 10 ou 15 persoas, pero non é suficiente, a pesar de que “apoiamos a medida de solicitar máis horas á Xunta de Galicia” xa que a lista de agarda neste municipio sempre está en torno ás cen persoas.
Segundo a Lei 39/2006 do 14 decembro de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia “a Administración Xeral do Estado debe contribuír nun 50%”, unha norma aprobada durante un goberno socialista pero que non se executa na realidade.
Katy Varela denuncia “o dobre raseiro de medir” do goberno de José Tomé xa que “esquece as obrigas do Goberno do Estado mentres afirma sen rubor que o financiamento desde a Xunta de Galicia para este servizo non é suficiente, polo que din que non amplían o número de horas”.
A voceira popular denuncia “a pouca consideración” do equipo de goberno dirixido por José Tomé, sobre todo no referente aos servizos sociais, por “querer facer política cun tema tan sensible coma este, acusando sempre á Xunta de Galicia de non colaborar cando é o Goberno central o que no está a cumprir coas súas obrigas”.