Sarria, 25 de outubro de 2023. O Grupo Municipal Popular de Sarria defenderá no pleno do vindeiro xoves unha iniciativa para que o goberno local inicie os trámites correspondentes para levar cabo as accións que legalmente procedan para materializar a adhesión do Concello de Sarria ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén).
O Sistema VioGén permite o seguimento e protección rápida, integral e eficaz das mulleres maltratadas e dos seus fillos e fillas, e iso en base a un sistema de información que facilita o intercambio de datos entre as entidades implicadas e, polo tanto, a adopción dunha resposta coordinada aos casos de violencia de xénero para previr, protexer e asistir ás vítimas, así como detectar e perseguir aos agresores.
En Galicia son 49 os Concellos están adheridos a este sistema que, desde a súa implantación, brinda protección a máis de 37.000 mulleres. Entre os seus obxectivos atópase:
– Reunir as distintas institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero
– Integrar toda a información de interese que se considere necesaria
– Facer predición de risco e, en función do nivel, vixiar e protexer ás vítimas en todo o territorio nacional
– Realizar labores preventivas, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do “Subsistema de Notificacións Automatizadas”, cando se detecte algunha incidencia ou suceso que poida pór en perigo a integridade da vítima.