Guitiriz, 25 de outubro de 2023. Os concelleiros do PP de Guitiriz denuncian que a alcaldesa do municipio, Marisol Morandeira, multiplicou por catro os ingresos dos concelleiros sen dedicación do goberno local.
O voceiro popular en Guitiriz, José Manuel López, explica que Marisol Morandeira duplicou a retribución por asistencia ás xuntas de goberno local, que pasan de 75 a 150€, ademais de aumentar a periodicidade das mesmas, xa que no mandato anterior eran cada 15 días e agora son todas as semanas.
O voceiro popular sinala que dos sete concelleiros do equipo de goberno, dous perciben estas retribucións, que supoñen, engadindo as asistencias a plenos e comisións, unha media de 690€ ao mes para cada un deses dous edís, o que se traduce en 8.280€ anuais.
“A realidade é que dende o goberno local defenden un aforro que non é tal xa que as retribucións que perciben os edís sen dedicación multiplicáronse por catro neste mandato”, sentenciou.