Partido Popular de Lugo

O PP de Lugo pon en valor “as políticas de fomento da lectura da Xunta de Galicia”

Sober, 24 de outubro de 2023.-. “Un concello modélico en materia de bibliotecas e de patrimonio, que, grazas tamén á súa localización na Ribeira Sacra, ten na historia un enorme potencial tanto a nivel cultural como económico”. Con estas palabras referiuse o coordinador de Cultura do PPdeG, Daniel Chapela, ao traballo desenvolto no concello de Sober durante os últimos anos, un labor que se puxo en valor cunha visita da Comisión de Cultura do PPdeG, do alcalde, Luis Fernández Guitián e membros do PP da provincia de Lugo e mais do Concello.

“Este traballo enraíza”, afirmou Chapela, “coas liñas de traballo da Xunta de Galicia e da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que no vindeiro orzamento verán como as partidas destinadas ao noso patrimonio experimentan un aumento significativo, igual que, por exemplo as destinadas a actividades culturais e de animación á lectura e bibliotecas suben máis dun 20%”. Dese modo, destacou como “este compromiso co fomento da lectura do Goberno galego é tamén un compromiso do goberno local de Sober, que vén de gañar un ano máis un dos premios María Moliner polo seu proxecto de animación á lectura”.

Xa que logo, durante a visita ao xacemento de Proendos e á biblioteca de Sober, Chapela reseñou “o interese que ten o modelo Sober para o resto de Galicia, un proxecto local que aposta pola cultura como un elemento vertebrador da política municipal e que, ao tempo, busca xerar beneficios económicos para a zona e, dese xeito, loitar contra o despoboamento”.

SOBER, UN REFERENTE NO MUNICIPALISMO”

Pola súa banda, o alcalde do concello, Luis Fernández Guitián, subliñou “o esforzo que desenvolvemos desde o goberno local para que un concello duns 2.000 habitantes poida contar con infraestruturas e oferta como outros de moito maior tamaño, cunha biblioteca que ten un horario de apertura similar ao de concellos de 10.000 habitantes”, ao tempo que destacou “a relevancia e o orgullo que supón obter un premio como o María Moliner durante máis dun lustro, un galardón que só obtivo nesta edición outro concello da provincia e que respalda o traballo do noso concello e do persoal que se encarga da biblioteca”.

Ademais, ao tempo que agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia co xacemento de Proendos, Guitián puxo en valor que “foi a iniciativa de gobernos do Partido Popular con quen se avanzou no xacemento de Proendos e con quen se puxo en valor a zona”. Así, este xacemento no que no 2022 se exhumaron complemente os 7 muros paralelos de pedra que integraron o hórreo do I d.C.–sostendo, presumiblemente, unha construción de madeira–, foi destacado polo alcalde como “unha oportunidade para Sober para xerar un valor engadido á zona que repercuta na economía local, facendo que o concello sexa unha parada obrigatoria para calquera amante do noso patrimonio e, polo tanto, “representando o ámbito cultural unha nova ventá para loitar contra o despoboamento e poñer en valor a Galicia rural”.