Partido Popular de Lugo

Satisfacción das deputadas populares cos Orzamentos da Xunta para a comarca de Lemos por «centrarse nas persoas e nos servizos sociais e sanitarios»

Monforte de Lemos, 23 de outubro de 2023. As deputadas autonómicas do PP na comarca de Lemos, Raquel Arias e Katy Varela, amosáronse satisfeitas co proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2024 na zona; xa que “igual que en toda Galicia, se centran nas persoas ao recoller un maior gasto social; pero tamén avanzan na implantación de servizos, procuran o crecemento e garanten o financiamento de servizos importantes coma os sanitarios, educativos, as unidades medioambientais e de medio rural”.

As populares destacan as partidas para o persoal do Hospital comarcal de Monforte, con máis de 30 millóns de euros que inclúen as subidas salariais pactadas, aos que hai que sumar 1 millón adicional para a redacción da seguinte fase do plan director do centro que inclúe melloras nas instalacións coma a renovación da súa cuberta. “É un claro exemplo de que a Xunta continúa apostando pola continuidade deste centro sanitario”, subliñan.

Así mesmo, as deputadas do Grupo Popular inciden na “gran inversión en materia de Política Social para o financiamento de servizos coma o de axuda no fogar, os bonos de dependencia, programas como Xantar na Casa, Coidados Porta a Porta ou a gratuidade das escolas infantís”. Neste ámbito, Arias e Varela lamentan que “o alcalde de Monforte non implante a unidade de atención temperá ou máis prazas de gardería infantil aproveitando a colaboración da Xunta, como fan outros municipios da zona sur da provincia”.

Raquel Arias destaca que “hai importantes investimentos tanto para a comarca de Quiroga como para a de Lemos”. En materia de infraestruturas destaca a aposta pola estrada que une Quiroga con Seoane do Courel “tanto para a construción do novo vial no tramo que sufriu un desprendemento, como na mellora que se está acometendo no tramo entre Folgoso e Seoane”. A Xunta consigna un orzamento de 3 millóns de euros para o 2024 ata chegar aos máis de 11 ata o ano 2026.

Tamén está previsto realizar obras para mellorar a seguridade dos peóns e ciclistas coa construción de varias sendas peonís e ciclistas, entre as que destaca a que se levará a cabo en Pantón. A este mesmo municipio a Xunta dirixirá 300.000 euros para a mellora do abastecemento. Tamén constan partidas para os PXOM de varios concellos da comarca por un importe de 72.000 euros. E para Sober, a Xunta contempla 150.000 para una glorieta na LU-903 que regulará o tráfico á altura de Doade.

MONFORTE DE LEMOS

Katy Varela pon en valor a partida de máis de 1 millón de euros que a Consellería de Medio Ambiente prevé para a reforma da planta de transferencia de Sogama en Monforte para adaptala á recollida de residuos orgánicos, “evitando así aos concellos da comarca desprazamentos maiores que suporían un encarecemento no recibo do lixo”.

Tamén destaca que “a Xunta siga apostando polo Polo de emprendemento situado nas oficinas da estación de autobuses, apoiando o seu funcionamento cunha inversión de 120.000 euros co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico e as oportunidades de emprego da cidade e da comarca”.

As deputadas poñen tamén en valor que “a Xunta manteña unha partida para os accesos do Porto Seco agardando que o Goberno central desbloquee a situación para darlle unha saída competitiva”. Así, convidan a Tomé a reclamar axilidade aos seus compañeiros de partido en Madrid, que bloquean o desenvolvemento deste espazo loxístico.

A Consellería de Medio Rural consigna unha partida de 216.000 euros para a expropiación de terreos para a construción da base área da brigada de Marroxo “tan importante en materia de extinción de incendios”.

E, como cada ano, a Fundación do Ferrocarril recibirá unha aportación de 30.000 euros, sendo a administración autonómica a administración que máis aporta ao Museo Galego do Ferrocarril, “tan importante na cidade de Monforte”, segundo subliña Varela.

COBERTURA DO GASTO CORRENTE DE SERVIZOS IMPORTANTES

Os Orzamentos da Xunta tamén recollen o gasto corrente dos servizos máis importantes coma os centros sanitarios, os centros educativos – que nos últimos catro anos xa se beneficiaron de importantes inversións para reformas-, a Escola de Idiomas, a estación de autobuses, as distintas unidades medioambientais e de medio rural; así coma os Xulgados de primeira instancia para os que a Xunta dirixe partidas por un importe de preto de 720.000 euros entre gasto corrente e investimento en obras menores.