Partido Popular de Lugo

Os concelleiros do PP urxen ao goberno sarriao a recuperar a zona do Chanto ante “o seu alarmante estado de abandono”

Sarria, 23 de outubro de 2023. O Grupo Municipal Popular de Sarria urxe ao goberno local a elaborar e executar un proxecto de recuperación integral da zona do Chanto coa que “dar unha solución definitiva ás súas numerosas deficiencias”. Os concelleiros populares inciden neste asunto atendendo ás demandas dos veciños polo seu “alarmante estado de abandono” e a que “xa existe un acordo plenario adoptado a instancias do Grupo do PP no mandato anterior ao que, incomprensiblemente, non se lle dá cumprimento”.

A voceira, Carmen José López, explica que “non só non se acometeu ningunha acción orientada á mellora deste espazo, senón que dende entón -fai arredor de dous anos- a situación empeorou notablemente, producíndose un deterioro que afecta á propia posibilidade de uso e disfrute desta zona fluvial, que mostra unha imaxe cada vez mais decadente e descoidada”.

A popular especifica “algunhas das máis destacables carencias e danos por todos coñecidos”:

– O estado de parte do edificio público destinado a bar e restaurante, que se atopa apuntalado dende outubro de 2020, unha circunstancia que ademais implica un custo recorrente, tódolos meses, polo alugueiro dos puntais.

– A presa que lle daba sustento a esa zona está rota e chea de maleza.

– Non existe zona de baño apta para o seu uso.

– Desaparición da varanda que estaba ubicada ao longo do paseo que transcorre dende a ponte da rúa Peregrino ata o Chanto, ademais da degradación do firme neste mesmo tramo.

– e, en xeral, un entorno sucio no que é habitual atopar restos de lixo.

Os populares subliñan que “o lugar foi noutro tempo sinónimo de prosperidade, lecer, encontro e natureza”; pero agora “presenta un estado lamentable que pon en risco a seguridade dos veciños e usuarios, ademais de ofrecer unha mala imaxe de Sarria”.