Cervantes, 21 de outubro de 2023. O responsable de Medio Rural do goberno autonómico, José González, participou hoxe nunha reunión cos veciños do municipio lucense de Cervantes para presentarlles as vantaxes que ofrecen os polígonos agroforestais e outras ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria. Na xuntanza, organizada polo Partido Popular de Lugo, tamén participou a deputada autonómica Encarna Amigo e o voceiro do grupo municipal popular de Cervantes, Óscar Fernández.
A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia entrou en vigor en maio de 2021. Dende que se estableceu esta norma, puxéronse en marcha 26 polígonos agroforestais -que se atopan en distintas fases de execución- para poñer en valor máis de 9.100 hectáreas.
José González trasladoulle aos veciños de Cervantes que o obxectivo que se persegue con estas iniciativas é dinamizar o territorio, prever os incendios forestais e xerar actividade económica para que vivir no e do rural sexa posible.
Seguindo esta mesma liña, destacou tamén a potencia doutras ferramentas de mobilización de terras, como son as permutas de interese agrario, as agrupacións de xestión conxunta ou as aldeas modelo -das que xa hai 21 aprobadas en toda Galicia-. Estas ferramentas da lei, xunto as concentracións parcelarias, permitiron a posta en valor de arredor de 35.000 hectáreas nestes últimos catro anos.
Deste xeito, o Partido Popular da provincia de Lugo defende a “posta en valor das terras en desuso como medida de dinamización do noso territorio, de xeración de emprego no rural e de prevención de incendios”. Pola súa banda, o PP de Cervantes destaca “a implicación da Xunta e a vontade dos veciños para poñer en valor a terra abandonada”. Ademais, puntualizan que “con estas ferramentas é posible reestruturar a propiedade e os propietarios poden optar por vender ou permutar, arrendar ou poñer os terreos en produción”.