Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte defenderá no vindeiro pleno que se flexibilicen o horario de carga e descarga ante as novas necesidades dos autónomos

Monforte, 20 de outubro de 2023. En Monforte, ao igual que sucede noutras vilas e cidades, hai unha normativa para regular o tráfico na que se contemplan os horarios especiais para as labores de carga e descarga. Uns horarios definidos que, en moitas ocasións, xa non se axustan á nova realidade, xa que no tempo que vivimos son moitos os emprendedores e autónomos que para poder realizar o seu traballo precisan dunha nova regulación horaria, necesidades que non existían no momento no que se aprobou a ordenanza.

Por este motivo, dende o PP de Monforte defenderase no vindeiro pleno unha iniciativa para que se flexibilicen as normas de carga e descarga contidas no título VI da ordenanza municipal de Tráfico ampliándoas aos tipos de vehículos que estean afectos a unha actividade, permitindo o acceso a estes vehículos ás zonas peonís desde as 6 da mañá ata as 11 da mañá, e deixando realizar a carga e descarga nas zonas habilitadas ao longo de todo o día.

Explica a voceira do PP de Monforte, Katy Varela, que “temos que ter altura de miras e ser capaces de poñer en marcha aquelas medidas que potencien o desenvolvemento económico e social do noso municipio, algo para o que cómpre facilitar que os emprendedores teñan as máximas facilidades ao seu alcance para desenvolver a súa actividade”.

O artigo 56 da Ordenanza Municipal de Tráfico enumera os vehículos aos que se lles permite proceder á carga e descarga de mercancías, deixando fora os turismos ou vehículos habituais. “É usual que moitos dos novos autónomos e emprendedores empreguen o seu vehículo particular para traballar polo que urxe actualizar a normativa municipal para facilitar o traballo diario a estes novos profesionais”, sinala.

Por este motivo, dende o PP de Monforte defenden a ampliación das categorías de vehículos que poden realizar tarefas de carga e descarga, sempre e cando os responsables destas actividades laborais presenten xustificación neste senso.

Katy Varela tamén ve preciso actualizar os artigos 57 e 59 da ordenanza. O primeiro deles fai referencia á delimitación e sinalización das zonas de carga e descarga, pero “non sempre estes profesionais poden empregar estes puntos xa que por mor do peso, as circunstancias do tráfico ou pola fraxilidade da mercancía deben de parar noutras localizacións non sinaladas para este efecto” polo que “vemos preciso que, en determinadas circunstancias, se permita que aquel vehículo afecto a unha actividade que necesite parar por estas circunstancias en zonas peonís para a carga e descarga se lle permita a súa entrada ás horas convidas”.

No que atinxe ao artigo 59, referente ao horario de carga e descarga, “debe modificarse en base ás novas necesidades de carga e descarga para o que solicitamos que as zonas habilitadas para este fin poidan empregarse durante todo o día a estes efectos, e que se deixe o horario limitado para a entrada en zonas peonís, incrementando as horas de mañá desde as seis ata as once”.