Sarria, 15 de outubro de 2023. O Grupo Municipal Popular condena a “total falta de vontade do goberno de Camiño Sarria por aclarar aos veciños a situación do matadoiro municipal”. Así o manifestan os populares debido á “súa falta de transparencia”; xa que “transcorrido con creces o prazo legalmente establecido para resolver aínda non achegou a documentación relativa á anualidade 2022 que tiñamos solicitamos o pasado 10 de setembro, a pesar de que o alcalde asegurou á oposición que xa ten clarificados e depurados os datos das últimas catro anualidades”.
A portavoz, Carmen José López, insiste na necesidade de aclarar a situación e de que se faga unha análise exhaustiva e detallada do sucedido porque “é un tema moi serio”. Polo momento, “o alcalde xa ten recoñecido que faltan máis 165.000€ de diñeiro público e por iso é necesario que facilite a información que solicitamos para tratar este tema coa transparencia que require e determinar o seu alcance real».
Se ben o goberno municipal afirma que o burato nas arcas municipais se limita aos sacrificios de vacún, a popular considera necesario “determinar e aclarar o alcance concreto das irregularidades detectadas na xestión do matadoiro municipal”. Por iso os populares solicitaron formalmente documentación adicional á xa solicitada previamente co obxectivo de coñecer, concretamente, se hai diñeiro pendente de ingresar nas arcas do Concello en relación ao servizo por sacrificio de reses doutras especies.
FALTA DE INICIATIVA DO GOBERNO LOCAL
«O goberno municipal amosa unha total falta de iniciativa para resolver este asunto. Pero mentres que o goberno de Camiña Sarria parece ter interese en que este asunto quede esquecido nun caixón; o Grupo Municipal Popular ten claro que nos debemos ao noso labor como representantes dos veciños e veciñas e, polo tanto, insistiremos no noso labor de control e fiscalización”.
O Grupo Municipal Popular recorda que a inactividade do goberno local motivou a solicitude, por parte de toda a oposición, dun pleno extraordinario que aínda está pendente de realizarse. Así lembran que se non é convocado neste mes polo alcalde, procederase -segundo a lei- á súa convocatoria automática para o décimo día posterior ás 12.00 horas.