Sábado, 14 de outubro de 2023. O goberno de Pedro Sánchez segue a dar as costas á provincia de Lugo e a todos os seus veciños ao deixar practicamente á totalidade dos concellos fóra das axudas do PERTE da auga, un plan para a modernización do ciclo de auga para con iso producir unha mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga, reducindo as perdas de auga nos sistemas de distribución de auga e mellorando as infraestruturas de tratamento de augas residuais.
Unha situación ante a que tanto Antonio Ameijide como Elena Candia piden ao Concello de Lugo e á Deputación Provincial máis coordinación e traballo para non perder máis fondos europeos, tendo en conta que o vindeiro 30 de outubro ábrese a segunda fase desta solicitude de axudes “polo que non se pode perder esta nova oportunidade”.
O voceiro popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, afirma que “queda claro que nin Pedro Sánchez, nin José Tomé nin ningún dos dirixentes do PSdeG na provincia teñen interese en liderar proxectos conxuntos para a provincia, senón que buscan a foto con proxectos imaxinarios que á hora da verdade non se materializan”.
A provincia de Lugo só acadou o 1% dos fondos consignados a nivel nacional neste plan para a elaboración de proxectos de mellora da eficiencia do ciclo da auga, pero unicamente se concedeu fondos a dous deles.
“Botamos en falta o apoio da Deputación de Lugo aos municipios da provincia”, explican. Antonio Ameijide afirma que o goberno provincial debería de “asesorar aos 67 concellos de Lugo e puido organizar unha estratexia conxunta para que todos os municipios interesados puidesen presentarse conxuntamente, pero, como sempre, PSOE e BNG non fixeron nada”.
CREACIÓN DUN PLAN DE APOIO AOS CONCELLOS NO CICLO DA AUGA
O acontecido coas axudas do PERTE reafirma a importancia da proposta que o Grupo Provincial Popular realizaba hai uns días para que a Deputación de Lugo leve adiante un Plan Provincial de apoio aos Concellos para a xestión do ciclo da auga. “O abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar os Concellos como pasou este verán en Foz, sendo unha competencia da Deputación cooperar cos concellos para garantir os servizos de competencia exclusiva municipal”, explicou.
Os populares propoñen que o plan sexa deseñado da man cos alcaldes e alcaldesas e que inclúa un equipo de traballo para asesoramento técnico e xurídico; ademais de apoio económico para o que será preciso reservar unha partida orzamentaria “de, polo menos 3 millóns de euros por ano, unha cantidade razoable para afrontar un problema que van ter os Concellos nos próximos anos”.
De acordo coa Lei Reguladora de Base do Réxime Local, o abastecemento de auga é unha competencia propia municipal que deben prestar os concellos, que pode e debe ser apoiada pola Deputación Provincial que ten como fins propios asegurar a prestación dos servizos de competencia municipal: “é dicir, a Deputación está para algo máis que pagar as carreiras políticas dos socialistas”
Unha postura que se contrapón totalmente á da Deputación de Ourense, administración que impulsou unha solicitude conxunta e acadou unha subvención para 79 concellos da provincia.
“Neste caso temos un exemplo moi claro de como a administración provincial cumpre coas súas obrigas e preta unha colaboración fundamental para todos os concellos porque non podemos esquecer que as infraestruturas que se verán beneficiadas son de titularidade municipal”, explicou.
Pola súa banda, a voceira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo amosou “o seu disgusto e preocupación” pola perda do PERTE no municipio lucense e explicou que “tiñamos a esperanza de recibir este investimento millonario para superar desafíos da Axenda 2030 como son: garantir o abastecemento e saneamento na zona rural; a renovación das tubaxes de fibrocemento; activar o sistema de reutilización de auga ou a dixitalización dos contadores.
Elena Candia lamenta “o uso propagandístico” por parte do goberno local dos fondos europeos manifestando “que só serven como escusa para facela foto o día que os piden” indicando que no caso do PERTE do Concello de Lugo “enganaron aos lucenses en febreiro, deron por feita unha achega de 10M€, cos que xa contaban, para renovar e dixitalizar o ciclo da auga, prometendo unha rebaixa no recibo que non se vai producir”.
Candia lembra que “non é a primeira vez que o Concello de Lugo perde axudas millonarias, os casos máis recentes son os 12M€ que tiñan previstos para rehabilitar o cuartel de San Fernando e para facer a protectora no vello matadoiro”.