Partido Popular de Lugo

A Valedora do Pobo admite a trámite a queixa dos deputados do PP polo veto de Tomé ao seu acceso a dependencias da Deputación de Lugo

Venres, 13 de outubro de 2023. A Valedora do Pobo admitiu a trámite o escrito de queixa por parte dos deputados do Grupo Provincial Popular pedindo amparo para facer valer os seus dereitos ante o que consideran un “veto incomprensible” por parte do goberno da Deputación e do seu presidente, José Tomé, á entrada dos deputados populares en dependencias que son titularidade da institución provincial.

Trala recepción do escrito e o seu estudo, a Valedora do Pobo, admitiu a trámite a queixa ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 23 da Constitución. Así, a Valedora do Pobo xa iniciou as actuacións ante a Deputación de Lugo requiríndolle información sobre o motivo a queixa.

O voceiro, Antonio Ameijide, considera “inadmisible a actitude absolutista de Tomé” tras vetar primeiro a entrada dos deputados populares ás dependencias do Parque Móbil e, días despois, tamén ás oficinas situadas no antigo Fogar de Santa María. Ameijide sinala que “estas instalacións están abertas ao público en xeral con libre acceso e sen necesidade de cita previa; pero, para o presidente, os deputados da oposición precisabamos permiso expreso”.

Nese sentido, o popular cre que “non deberíamos de ter que pedir acceso para visitar calquera dependencia provincial, sempre que o fagamos dentro da legalidade e o respecto”. De feito, “podemos visitar calquera instalación de uso ou servizo público previa comunicación, pero sen que sexa necesaria a autorización”, apunta.