Partido Popular de Lugo

O PP afea a Pontón que “se atreva a falar do tren en Lugo cando fixo presidente do Goberno a Sánchez, que é o responsable de suprimir as variantes”

Lugo, 10 de outubro de 2023. O Partido Popular afea a Ana Pontón que “se atreva a falar do tren en Lugo cando é responsable de que Pedro Sánchez sexa o presidente do Goberno que suprimiu as variantes que permitirían a chegada da Alta Velocidade á provincia”.

Os populares consideran que as declaracións da líder nacionalista “non só son desafortunadas, senón que son unha tomadura de pelo aos lucenses. Se hoxe non hai nin tan só unha obra para que Lugo teña como di a Sra. Pontón un tren do século XXI é pola decisión dun Goberno que para ter contentos aos seus socios, castiga a outras comunidades como a nosa e, en consecuencia, á provincia de Lugo”, defenden.

Por este motivo, e logo de coñecer o contido da xuntanza entre o deputado nacional e Pedro Sánchez, dende o PP alertan de que “tanto o anterior acordo de investidura coma o que posiblemente se produza nas vindeiras semanas serán dous cheques en branco para os galegos e os lucenses”.

“Resulta inconcibible que un representante político, que ademais é de Lugo, non fose quen de sacar nin un só acordo que garanta o desenvolvemento da Comunidade e da súa provincia. Isto evidencia claramente que ao BNG do Sr. Rego e da Sra. Pontón que, por certo, tamén é lucense, nada lle importa Galicia e moito menos Lugo”, sentencian.

Os populares censuran tamén as manifestacións da líder nacionalista respecto da A-54. “Que o BNG fale desta autovía é un escándalo, sobre todo, din, cando na reunión da conselleira de Infraestruturas co secretario de Estado se puxo de relevo que o seu remate se vai prolongar ata 2025”.

Por todo elo, e dirixíndose á cúpula do BNG en Madrid, en Galicia e en Lugo, defenden “que está ben vir a Lugo para gozar do San Froilán, pero o que non podemos permitir é que veñan a enganar aos lucenses”.

“Esiximos máis respecto pola nosa provincia que, lamentablemente, é a máis illada de Galicia e mesmo de España por culpa única e exclusivamente do Goberno que o BNG apoiou e que, de seguro, volverá a apoiar a cambio de nada”, conclúen.