“O que demostrou o goberno provincial nestes 100 primeiros días de mandato foi o seu autoritarismo, sectarismo e falta de transparencia”, segundo sinala Antonio Ameijide. “Fronte a esa actitude do bigoberno integrado polo PSOE e o BNG, o Grupo Provincial Popular quere continuar mantendo a liña propositiva e construtiva que avanzabamos ao inicio do mandato”.
ACORDOS VS. ABSOLUTISMO, DESIGUALDADES E FALTA DE XESTIÓN
Os populares defenden o diálogo “para chegar a acordos e consensos” para “evitar situacións que ninguén quere, como a suba brutal que PSOE e BNG aplicaron aos gandeiros que teñen os seus animais no centro de recría Gayoso Castro, onde a taxa que pagan pasou de 2,55€/animal/día a 3,33€/animal/día. Unha decisión unilateral de PSOE e BNG á que o PP votou en contra e que é froito dunha mala política económica derivada da falta de talante para sentarse a falar e chegar a acordos”, apunta Ameijide.
O portavoz popular considera que “o presidente actúa de forma absolutista” en referencia á actitude de Tomé nos plenos da corporación e á prohibición de acceso dos deputados populares a dependencias públicas da Deputación de Lugo; o que motivou que “dende o Grupo Provincial Popular pediramos amparo á Valedora do Pobo”.
E incide nas “desigualdades entre os Concellos da provincia” en referencia ao reparto “nada obxectivo” de fondos provinciais a través de convenios, aprobados en xunta de goberno, con algúns Concellos: “no que vai de ano 2023, o bigoberno asinou 44 convenios con Concellos gobernados polo PSOE, 11 con Concellos gobernados polo BNG, 3 con Concellos gobernados por independentes e 0 con Concellos gobernados polo PP”.
Outra desigualdade constitúea o feito de que “Tomé destina un gran volume de recursos da Deputación a Monforte de Lemos, o concello que goberna; mentres que os concellos limítrofes teñen moitas necesidades, como o caso da Pobra de Brollón onde as estradas provinciais están en moi mal estado, como a LU-P-4710 (de Salcedo á Estación da Pobra de Brollón) “seguramente unha das tres estradas en peor estado de conservación da provincia, con fochancas duns 40 centímetros de profundidade e varios metros de lonxitude”.
Os populares non esquecen tampouco a falta de xestión dos representantes do BNG e poñen como exemplo “a pitada ao vicepresidente, Efrén Castro, durante a final da Copa Galicia de baloncesto en sinal de protesta pola súa incapacidade para resolver as deficiencias no Pazo Provincial dos Deportes e dos Anexos”.
DEBERES AO GOBERNO PROVINCIAL
Nestes 100 días de goberno de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo quedou claro que a liña a seguir polo goberno provincial é “apoiar a aqueles concellos afíns e impulsar algunha carreira política”. Por iso, os deputados populares poñen “deberes” ao goberno provincial:
- Un reparto equitativo dos fondos e dos recursos para todos os concellos da provincia, ampliando os recursos que se destinan ao Plan Único.
- Un plan de arranxo e mantemento das estradas provinciais, dando prioridade a aquelas actuacións máis urxentes para garantir a seguridade viaria en toda a provincia.
- Iniciar a vía do diálogo e chegar a acordos e consensos en lugar de impoñer as decisións, como fixeron ata agora.
- Un trato igualitario a todos os concellos deixando atrás a discriminación aos Concellos gobernados polo PP á hora de recibir achegas a través de convenios interadministrativos.
- Avanzar de forma decidida na construción e posta en servizo dos centros de atención a maiores comprometidos en distintos concellos da provincia sen esquecer a posta en marcha do servizo de centro de día nos que xa están en funcionamento.
- Impulsar de forma decidida a recuperación e posta en valor do patrimonio da Deputación Provincial coma a Casona do Incio, o complexo de Augas Mestas en Quiroga ou as naves cedidas por Manuel Mallo para que a Deputación de Lugo dedicara a actividades relacionadas coa cantería
- Desenvolver unha política de apoio ao deporte lucense que debe ter como base principal o correcto mantemento das instalación deportivas que son da súa titularidade para favorecer a práctica deportiva en condicións de seguridade.
- Poñer en marcha a comisión de suxestións, que o propio bigoberno creou pero que se nega a poñer en marcha, chegando a votar en contra da petición do Grupo Provincial Popular de poñela en marchar para así dar unha nova canle de comunicación aos cidadáns, darlles máis voz e escoitalos.