Mércores, 4 de outubro de 2023. O Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo denuncia “a nula transparencia e as constantes trabas de José Tomé” para que os deputados do PP poidan exercer a súa labor de oposición ao, nesta ocasión, negar acceso á información solicitada polos populares.
O voceiro popular Antonio Ameijide explica que no mes de setembro pediuse acceso a varios expedientes:
- Relación postos de traballo nominativa e actualizada. Solicitada o 19/09/2023
- Acceso ao rexistro semanal dos asentos do rexistro de entrada da Deputación de Lugo. Solicitado o 21/09/2023
“A día de hoxe nada sabemos e iso que xa pasou o prazo legal máximo que tiñan para facilitarnos a información”, denunciou Ameijide.
Segundo figura no Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo, no seu artigo 19:
- “O dereito á información dos membros da Corporación canalizarase na forma e termos prevista nos artigos 14, 15 e 16 do R.D. 2568/1986 do 28 de novembro do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais mentres non se modifique. A petición de información a de ser concreta e específica, non xenérica nin indeterminada, e compatible co normal desenvolvemento dos servizos provinciais. A solicitude dirixida á Presidencia, deberá reunir os requisitos anteriores, e debera de ser resolta motivadamente no prazo de cinco días a contar dende a data de solicitude. Se no devandito prazo non se produce resolución expresa, entenderase concedida por silencio administrativo”.
Un acceso á información que tamén se recoñece no artigo 77 da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local:
- «Todos os membros das Corporacións locais teñen dereito a obter do Alcalde ou Presidente ou da Comisión de Goberno cuantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función. A solicitude de exercicio do dereito recolleito no parágrafo anterior haberá de ser resolta motivadamente nos cinco días naturais seguintes a aquel en que se presentou«.
Acceso á información que tamén se recoñece no artigo 14 do ROF (Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais)
1. Todos os membros das Corporacións Locais teñen dereito a obter do Alcalde ou Presidente ou da Comisión de Goberno cuantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función.
2. A petición de acceso ás informacións entenderase concedida por silencio administrativo no caso de que o Presidente ou a Comisión de Goberno non diten resolución ou acordo denegatorio no termo de cinco días, a contar desde a data de solicitude.
Unha situación que, para os populares, pon de manifesto unha vez máis “a actitude absolutista e ditatorial” de José Tomé que “non entende a Deputación de Lugo como unha administración para axudar a todos os lucenses da provincia e a emprega para impulsar as carreiras políticas daqueles que el elixe e para axudar unicamente aos concellos afíns”.
Unha situación que se produce días despois de que os deputados do Grupo Provincial Popular rexistrasen un escrito dirixido á Valedora do Pobo pedindo o seu amparo trala prohibición de José Tomé a que os deputados populares entrasen en dependencias da Deputación de Lugo.