Foz, 4 de outubro de 2023. O PP de Foz condena que “Cajoto gastase cartos do Festival Bal y Gay ou dos fogos do San Lourenzo en eventos de carácter electoralista coma o Comborecho”, a 21ª Festa do Berberecho que decidiu celebrar en abril acompañada da actuación dunha recoñecida orquestra para a que non tiña contemplado orzamento porque “esta festa nunca tivo este carácter” e que supuxo un gasto de 20.000 euros.
“O desgoberno en Foz, especialmente na área de Cultura, é lamentable”. Así o manifestan os populares tras comprobar no último pleno no que “o equipo de goberno levaba a aprobación dun suplemento de crédito de 180.000 euros para tratar de paliar as deficiencias na xestión da concelleira”.
A concelleira Verónica Soto explica que “os 20.000 euros que usou para o Comborecho eran os que se debían usar para os fogos artificiais das festas do San Lourenzo que están sen pagar, a pesar de que se reserva unha partida nos orzamentos municipais”. Tamén se deixou de pagar a aportación que é habitual por parte do Concello ao Festival Bal y Gay.
“Este diñeiro debería estar previsto para apoiar a dous eventos de moito interese; pero, agora, toda a xente que fai un grandísimo traballo tanto no San Lourenzo coma no Festival Bal y Gay, un dos mellores de toda Galicia, terá que esperar un tempo máis para poder cobrar”, explica a popular.
Verónica Soto subliña “a mala xestión do goberno local que gasta os cartos en actuacións electoralistas e deixa sen partida para pagar aos provedores de dous eventos que deberían estar consignados no orzamento. O goberno do señor Cajoto vela polos seus intereses e deixa de lado os do Concello”.